Tecnoloxía e internet
A Xunta pon en marcha o Plan Director de Banda Larga 2010 - 2013
O PDBL conta cun orzamento de 102 millóns de euros e prevé superar os 232 millóns de euros mobilizando capital privado e doutras administracións co obxectivo de estender as novas tecnoloxías e infraestruturas de telecomunicacións de banda larga en tres áreas fundamentais: a social, a empresarial e a das administracións públicas impulsando a cooperación de todos os axentes implicados. Trátase dun plan transversal que contou coa colaboración de todas as consellerías da Xunta, dos concellos galegos, das deputacións provinciais e dos organismos ou entidades públicas de eido local ou provincial, así como dos distintos operadores de telecomunicacións.
Actuacións estratéxicas
O Plan prevé dotar de redes fixas de alta capacidade baseadas en fibra óptica aqueles núcleos de poboación con maior demanda desatendida e que actualmente non contan con posibilidade de acceso a servizos de banda larga de calidade. Ademais, potenciarase o actual operador público Retegal dotándoo de máis medios e capacidades para optimizar e acelerar a estensión da banda larga. Esta medida permitirá aproveitar a infraestrutura pública actual e reducir os custos do despregamento, así como favorecer a presenza dos operadores privados o que facilitará unha competencia e pluralidade efectiva que redunde en progreso para Galicia.
Estenderase a cobertura de banda larga aos núcleos de poboación da contorna rural mediante redes sen fíos, solventando así as distintas dificultades orográficas e de dispersión de poboación características de Galicia. A cobertura de redes de banda larga a toda a poboación galega completarase mediante o acceso vía satélite de calidade garantido a universalidade do servizo.
Impulsarase o despregamento de infraestrutura de nova xeración, capaz de ofrecer velocidades de conexión de ata 100Mbps. Estas redes serán a base de novos servizos innovadores e diferenciais que demandan cada vez máis largo de banda e que están chamadas a ser elementos imprescindibles para o desenvolvemento empresarial e a xeración de emprego en Galicia na nova economía do coñecemento.
O denominador común de todas estas actuacións é a prestación dun servizo de banda larga de calidade, con velocidades de acceso superiores a 2Mbps, podendo chegar a 100Mbps no caso de redes de nova xeración.
No sector empresarial o plan promoverá o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías de banda larga como xeradoras de competitividade e innovación e, por tanto, de emprego. A modernización da Administración pública e local e outro dos obxectivos desta actuación para o que se impulsarán os servizos públicos dixitais de calidade e se garantirá o acceso á banda larga en todos os núcleos con puntos de demanda.
Minimizar as dificultades de despregamento e incentivar a demanda
Para facilitar e axilizar o despregamento das novas infraestruturas, o Plan Director de Banda Larga impulsará a inclusión dentro dos plans urbanísticos dunha previsión de espazos e canalizacións públicas dispoñibles, para a instalación de redes de comunicación. Desenvolverase un plan de aproveitamento de todas as infraestruturas dispoñibles en Galicia que garanta o uso eficiente dos recursos actuais.
Tamén se porá á disposición dos concellos unha oficina técnica de asesoramento e soporte sobre todas as iniciativas que se desenvolven en materia de redes de telecomunicacións e manterase actualizado o Mapa de Infraestruturas, o que permitirá dispor de documentación ampla e fiable que facilite a toma de decisións.
Incentivar a demanda
Co obxectivo de maximizar os beneficios do Plan Director de Banda Larga desenvolveranse programas de capacitación e achegamento aos usuarios, activaranse medidas para estimular a integración das TIC na empresa e reverter os baixos niveis de penetración das novas tecnoloxías especialmente no caso das micro pemes e dos autónomos. Tamén se levarán a cabo programas de capacitación e alfabetización dixital para os colectivos menos favorecidos, que incluirán subvencións económicas para os usuarios finais.
Como resultado destas actuacións preténdese que en 2013 o 94% da poboación galega conte coa posibilidade de acceso a un servizo de banda larga de calidade, que a porcentaxe sexa do 100% nos núcleos de máis de 100 habitantes.
Ademais, o Plan cubrirá a demanda do 6% restante a través de servizos de acceso vía satélite. Deste xeito, a curto prazo, perséguese que xa en 2011 se reduza en máis do 50% a fenda dixital existente entre as provincias da Coruña e Pontevedra con Lugo e Ourense.
Outro obxectivo para 2013 é que o 100% dos núcleos con demanda por parte da Administración pública e o 96% das empresas dispoñan de acceso a banda larga de calidade, coa meta a curto prazo de que en 2011 se cubra a totalidade dos polígonos industriais e dos parques empresariais.
Finalmente, está previsto darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con redes de nova xeración, e polo tanto, con velocidades de ata 100Mbps, posibilitando así o acceso a novos e máis avanzados servizos da sociedade da información.
Situar a Galicia entre as rexións de referencia das novas tecnoloxías
O Plan de Banda Larga é unha folla de ruta que se definiu tras analizar o escenario de partida de Galicia en materia de despregamento económico e que ten como obxectivo reverter a situación que mostra o actual Mapa de Infraestruturas de Telecomunicacións de Comunidade.
A falta dunha estratexia global de despregamento de infraestruturas de novas tecnoloxías, xunto con outros factores, motivou que Galicia sexa unha dascomunidades autónomas menos desenvolvidas en materia de acceso aos servizos de telecomunicacións e en progreso da sociedade da información.
Neste sentido, destaca o feito de que a Comunidade está á cola das autonomías na porcentaxe de fogares con banda larga (con 14,8 liñas por cada 100 habitantes) e na de empresas con acceso a internet (42%). Ademais, o desequilibrio territorial medrou nos últimos anos, e seguen incrementándose as diferenzas entre a contorna rural e urbana en materia de acceso á sociedade da información.
Segundo os datos do Mapa de Infraestruturas de Telecomunicación, no sector residencial existen, actualmente, 786.000 galegos que non poden acceder á banda larga, é dicir, case un 30% da poboación de Galicia. En relación co acceso á banda larga nos servizos públicos, o Mapa de Infraestruturas amosa que carecen del o 41% das entidades de poboación con centros da Administración, como centros educativos, sanitarios, etc.
Finalmente, no tocante ao sector empresarial, estímase que a demanda non cuberta é do 16%, cunha situación que empeora sensiblemente nas actividades empresariais vinculadas ao mundo rural, destacando que o 64% das explotacións gandeiras ou o 51% das casas de turismo rural se atopan en zonas onde non existe posibilidade de conexión de banda larga. Estes datos poñen de manifesto a existencia dunha barreira importante para o aproveitamento das TIC como motor para a dinamización e a competitividade empresarial e, polo tanto, para o crecemento dos sectores produtivos chave para Galicia.
Facenda confirma que o 26 de febreiro estará operativo o rexistro electrónico de facturas
Portal Electrónico
A conselleira explicou que a pretensión do seu departamento “é moito máis ambiciosa que simplemente rexistrar a data de entrada dunha factura”, xa que se crea un Portal Electrónico para centralizar as facturas, incorporalas ao sistema e consultar o seu estado de tramitación, xa sexan enviadas á Administración en formato dixital ou en formato papel. Ademais, sinalou que se disporá de información relevante para a Administración, tanto desde o punto de vista orzamentario como de xestión da tesourería.
Tamén resaltou que a propia Administración poderá coñecer e xestionar axeitadamente a súa propia facturación. Así, a conselleira resumiu que se busca acadar catro grandes obxectivos: “un mellor servizo a cidadáns e empresas, menores custes, mellorar a liquidez das empresas, así como unha xestión moderna, rápida e eficaz”. E salientou que “este é un primeiro paso, importante, pero só o primeiro ao que seguirá a licitación electrónica”, que permitirá incorporar os beneficios do comercio electrónico á contratación da Administración autonómica.
A secretaria xeral de Modernización pola súa parte, destacou que a posta en marcha da factura electrónica supón un punto de inflexión no desenvolvemento da estratexia TIC da Xunta de Galicia como un requirimento para avanzar e consolidar o desenvolvemento da administración electrónica. A responsable de Modernización indicou que estas iniciativas están integradas no Plan de acción para o desenvolvemento da Sociedade da Información 2010, que se estrutura entorno a catro eixos de actuación prioritarios: as Telecomunicacións, o desenvolvemento do eGoberno, a dinamización do uso das TIC e a promoción do sector Empresarial da Sociedade da Información.
Pola súa banda, o director do CIXTEC, explicou como vai funcionar o sistema dende que a factura entra na Administración a través do Portal de entrada de facturas, así como a súa validación e conformación, ata que se produce o seu cobro por parte do interesado.
Ademais, este sistema permitirá centralizar e tratar de xeito uniforme todas as facturas emitidas polos distintos provedores da Administración, co que se obterá “unha xestión máis rápida e eficiente das mesmas”; realizar a incorporación das facturas ao sistema e a consulta do seu estado de tramitación; permitirá xestionar as facturas emitidas, habilitando os trámites de aprobación para cada un dos actores que participan no proceso.
Tres proxectos de Galicia concorrerán ao II concurso nacional 'Mayores con Iniciativa'
O certame está organizado pola fundación Fundetec para recoñecer o esforzo dos axentes sociais que desenvolven iniciativas orixinais que fomentan a inclusión das persoas maiores na Sociedade da Información, así como a predisposición dos propios maiores, que se animan a participar nestas actividades coa ilusión de aprender algo novo e perder o medo ás novas tecnoloxías.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia colabora de forma activa no proxecto, ao adherirse ao mesmo, no marco da Estratexia Galega para a Sociedade da Información, co obxectivo de incentivar a participación no concurso nesta Comunidade Autónoma.
O resultado é que Galicia foi a segunda comunidade autónoma máis activa desta segunda convocatoria do certame: das 88 candidaturas presentadas, 16 son galegas, e foron promovidas a través da rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información. En total, máis de 260 maiores galegos están adquirindo novas habilidades no uso de Internet e do ordenador grazas a estas accións.
Os tres proxectos seleccionados foron:
As herbas medicinais en Allariz: unha historia de recuperación e empoderamento feminina, do Concello de Allariz. Nesta iniciativa participaron 150 mulleres de contornos rurais que recompilaron os usos e tradicións das diferentes herbas medicinais da zona, realizando fotografías das mesmas e colgando toda esta información nun blog. Deste xeito, estes coñecementos transmitiranse ás xeracións futuras a través das novas tecnoloxías.
Memoria de Muller de Ribadeo, do Centro de Dinamización de Ribadeo. O proxecto Memoria de Muller desenvolveuse en diferentes centros de dinamización co obxectivo de recuperar a memoria histórica da muller galega e transportar os seus recordos cara o futuro. No caso de Ribadeo, participaron cinco mulleres que gravaron sendos vídeos nos que cada unha relata aspectos personais, sociais e culturais da súa vida, mesturados con imaxes e música.
Bergantiños: pasado e presente, do Centro de Dinamización de Carballo. Mediante esta iniciativa, un grupo de maiores plasmaron nun blog as súas vivencias, recordos e tradicións relacionadas coa súa terra, publicando os seus textos e as súas fotografías para poñelas a disposición de calquera persoa que queira coñecer mellor a historia da comarca de Bergantiños.
Ademais de recibir como premio un trofeo tecnolóxico, estas tres iniciativas pasarán á final nacional, xunto coas mellores iniciativas do resto das comunidades autónomas participantes, e poderán optar ao Premio do II Concurso Nacional Mayores cON Iniciativa 2009, que se resolverá 25 de febreiro en Madrid.
A eAdministración usará estándares abertos
O Real Decreto 4/2010 regula o citado Esquema previsto no artigo 42 da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos. Entre os seus obxectivos principais está o de incluír os criterios e recomendacións que deberán ser tidos en conta polas administracións públicas para a toma de decisións tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade e que eviten a discriminación dos cidadáns por razón da súa elección tecnolóxica. Isto é, introducir os elementos comúns que deben guiar a actuación das administracións públicas en materia de interoperabilidade, achegando unha linguaxe común para facilitar a interacción das administracións públicas, así como a comunicación dos requisitos de interoperabilidade á industria.
O Esquema Nacional de Interoperabilidade persegue a creación das condicións necesarias para garantir un nivel axeitado de interoperabilidade técnica, semántica e organizativa dos sistemas e aplicacións empregados polas Administracións Públicas, que permita o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes a través do acceso electrónico aos servizos públicos, á vez que redunda en beneficio da eficacia e a eficiencia.
O Real Decreto 4/2010 trata tamén da interoperabilidade da sinatura electrónica e dos certificados, así como a reutilización, nas administracións públicas, das aplicacións e da documentación asociada e doutros obxectos de información.
Aténdese na norma á recuperación e conservación do documento electrónico, segundo o establecido na citada Lei 11/2007,de 22 de xuño, como manifestación da interoperabilidade ao longo do tempo, e que afecta de forma singular ao documento electrónico.
Por último, créanse as normas técnicas de interoperabilidade e os instrumentos para a interoperabilidade, para facilitar a aplicación do Esquema.
A norma ten en conta as recomendacións da Unión Europea, a situación tecnolóxica das diferentes Administracións Públicas, así como os servizos electrónicos xa existentes, e a utilización de estándares abertos así como, no seu caso e de forma complementaria, estándares que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns.
O ámbito de aplicación desta norma é o establecido no artigo 2 da Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos.
A Xunta crea o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se crea e regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia como órgano encargado de avaliar a incorporación das novas tecnoloxías á sociedade e o desenvolvemento da Administración electrónica. Esta nova entidade é o resultado da integración do Observatorio Galego da Sociedade da Información co Observatorio da Calidade e da eAdministración de Galicia, que atendían ámbitos cada vez máis próximos, facendo necesaria unha actuación máis eficiente que evitase a superposición de ambas as actuacións.
Ademais, búscase acadar unha maior coherencia e uniformidade no eido da observación da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia mediante a integración das funcións deses dous organismos nun único observatorio. Coa integración das funcións de ambos os observatorios, a Xunta actúa de acordo co principio da eficacia e baixo os criterios de máxima eficiencia, austeridade e economía organizativa.
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) nace así como un órgano asesor para avaliar a evolución da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia, así como para participar e colaborar coas ditas administracións públicas nesas materias, ademais de contribuír á promoción e extensión das novas tecnoloxías en Galicia. A creación deste observatorio enmárcase dentro do Plan de Acción para o Desenvolvemento da Sociedade da Información no ano 2010, que identifica as liñas de actuación prioritarias que acometerá a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica neste ano.
O OSIMGA funcionará tamén como un sistema de información para a análise, comparación, seguimento e divulgación de datos, información e coñecemento relacionados coa sociedade da información e a modernización de Galicia.
Funcións do OSIMGA
- Desenvolver ou promover compilacións, estudos e análises de datos que permitan coñecer cunha visión global o nivel de desenvolvemento, a tendencia e os posibles problemas que afecten a extensión da sociedade da información en Galicia e á aplicación do modelo de eGoberno nas administracións públicas galegas.
- Facilitar análises comparativas e aliñacións de datos con outros marcos xeográficos.
- Promover o intercambio de experiencias e información entre administracións, con outros observatorios, organismos ou entidades.
- Impulsar a organización de eventos formativos, reunións de expertos ou grupos de traballo.
- Promover e xestionar a elaboración e difusión de publicacións técnicas, impresas ou electrónicas, específicas e monográficas ou de publicación periódica.
- Xestionar e ofrecer periodicamente e, como mínimo, a través dunha web específica, información sobre o nivel de desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, eventos formativos, noticias de actualidade, ou enlaces con outras fontes de información, observatorios ou entidades.
- Elaborar e presentar publicamente informes que reflictan o estado de situación ou a evolución prevista.
- Facilitar datos a outros organismos e entidades con competencias específicas na materia.
- Analizar o estado de desenvolvemento da Sociedade da Información para toda a cidadanía e, en especial, no que respecta ás mulleres, ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores e aos colectivos con risco de exclusión, promovendo liñas de actuación que potencien a súa incorporación e permanencia activa en condicións de igualdade efectiva.
- Avaliar e servir de elemento para a definición de políticas públicas en materia de sociedade da información e modernización da Administración.
Adscrición e estrutura do OSIMGA
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia adscríbese á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que asume a súa coordinación funcional e, como órgano asesor, estrutúrase nun pleno e en grupos de traballo técnico.
No pleno, ademais da Secretaría Xeral de Modernización están representados outros departamentos Administración autonómica, como son as consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de Economía e Industria, e de Facenda, ou o Instituto Galego de Estatística. Ademais, forman parte do pleno representantes da Administración do Estado, da universidade, da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), así como personalidades de recoñecido prestixio en materia da sociedade da información e da modernización administrativa.
Observacións planificadas
Entre as actividades planificadas para o ano 2010 cabe salientar que o OSIMGA realizará as enquisas á poboación e ás empresas sobre a sociedade da información en Galicia, un estudo específico para o sector empresarial das TIC; elaborará o mapa da Administración electrónica nos concellos de Galicia e a enquisa sobre a eAdministración na Xunta de Galicia. Así mesmo, elaboraranse estudos sobre o estado de implantación do software libre, así como análises da evolución da penetración da banda larga en Galicia. Tamén cabe destacar as observacións temáticas en relación á demanda de formación TIC.
"É importante que a Administración promova un ente capaz de coordinar as actividades do sector TIC"
-Como ve a situación da Sociedade da Información en Galicia?
-Hai que distinguir dúas Galicias. Hai unha Galicia rural e unha Galicia urbana. Na urbana, eu penso que os índices de penetración da sociedade da información, sen seren os equivalentes a moitos dos de Europa, está máis próxima con respecto á media do Estado Español. A Galicia rural é moi distinta. En canto ás empresas, tamén hai que distinguir entre as empresas medianas de tamaño medio-alto e as de tamaño pequeno. Nas de tamaño medio-alto estase na media nacional, pero nas pequenas tamén está bastante distante. Aínda que se avanzou moito nos últimos anos, penso que os índices de penetración da banda larga, que é un dos parámetros que miden a Sociedade da Información, debe de estar aproximadamente no 30% dos fogares, incluso menos. No tema da Galicia rural é tremendamente inferior. Vistas estas cousas, eu diría que ata chegar a porcentaxes de penetración de países como Dinamarca ou Suecia, aínda dista moito. Temos moito que facer, aínda que se está facendo un grande esforzo.
-Que accións se poden acometer para mellorar a situación de Galicia na Sociedade da Información?
-En primeiro lugar hai que poñer as infraestruturas. Temos que seguir investindo en accións públicas da administración, o que se chama infraestruturas: redes de banda larga que permitan as telecomunicacións a alta velocidade. Tamén é necesaria a concienciación da sociedade: se temos autoestradas e a xente non as utiliza, non serven de nada. Hai que facer unha educación dixital da sociedade, ensinarlle para que vale internet, que utilidade ten e cales son as súas vantaxes. En terceiro lugar, unha vez a poboación está educada, unha vez as redes están fisicamente, aí temos que estimular a demanda da sociedade, porque se non hai demanda, por moi educada que estea e por moitas redes que haxa, non vale para nada. Estimúlase ofrendo servizos á sociedade que son útiles, que teñen un atractivo.
-Como poden contribuír as TIC á saíde da crise e á expansión económica?
-Esta crise supón unha oportunidade para cambiar o modelo industrial que temos. Estaba baseado nunha economía composta por man de obra pouco cualificada, como é o caso da construción. É importante para levar o país ao nivel de desenvolvemento que lle corresponde no século XXI tender a unha sociedade do coñecemento, onde os empregos teñan un valor engadido importante: sexan de alta cualificación. As TIC inflúen na socialmente e industrialmente. Socialmente, as TIC favorecen a comunicación entre a cidadanía, coas empresas e coa administración; facilitan o intercambio de comunicación e con el vén o comercio e unha serie de posibilidades de xeración de novas actividades que son útiles para a sociedade e que aumentan o nivel de intercambio de bens e servizos. Dende o punto de vista industrial pódense ver como ferramentas para optimizar e mellorar a produtividade e a competitividade das nosas empresas. Hai que fomentar tamén que se xeren unha serie de empresas que produzan estes servizos asociados á Sociedade da Información. Con iso estamos creando novas empresa s e novo emprego cualificado.
-Que valoración fai das TIC en Galicia?
-Non sería triunfalista. No sector, hai illas, hai empresas que fan unha serie de actividades, pero son experiencias illadas. Non hai un tecido industrial das tecnoloxías da información. Non é como a empresa da madeira, onde hai un sector da madeira, ou da conserva, ou do naval. Non hai un sector consolidado de tecnoloxías da información. Hai empresas pequeniñas que fan cousas. Para constituír un sector, o que temos que facer é que haxa unha potenciación, ten que haber un ente que lidere a formación deste sector. Hai que favorecer o intercambio de experiencias. Penso que é importante que a Administración promova un ente público que sexa capaz de coordinar as actividades do sector. As empresas TIC crecen das ideas, normalmente son creadas por xente nova. Poden tamén xurdir dunha multinacional que se instala aquí, por iso é importante que haxa un ente que rixa e que teña clara a planificación dese sector. Se hai unha multinacional hai que seguir por ese camiño, pero tamén hai enxeñeiros novos que creen as súas empresas. Hai que converter esa man de obra da multinacional en empresas autóctonas e consolidar esas empresa. Se un mira os últimos éxitos das TIC, ve empresas como Google, creada por estudantes universitarios que saen dunha idea, e é que nos EUA e noutros países poden soportar esas magníficas ideas. Temos esas ideas, temos facultades, estou seguro de que temos moita xente, o que fai falla é que esa xente se apoie para crear ese tecido industrial. E teno que facer a Administración.
Pode acceder á entrevista completa e en vídeo no portal ByGalicia.
"En Galicia o nivel e calidade, tanto dos profesionais como das empresas, é moi alto"
-Cales son os obxectivos a curto prazo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia?
-Os obxectivos do CNTG, centro dependente da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, para o período comprendido entre outubro de 2009 e xuño de 2010 son varios: por unha banda incrementar a difusión das nosas actividades de xeito que cheguen ao maior número de profesionais, por outra por en marcha un circuíto estable de seminarios tecnolóxicos que, transferindo coñecemento, permitan dinamizar o sector e, finalmente, reforzar as liñas de colaboración cos fabricantes tecnolóxicos, asociacións empresariais e colexios profesionais de xeito que poidamos seguir ofertando accións formativas de calidade, valoradas polo mercado e que respondan a necesidades reais do sector.
-As actividades formativas ofertadas poden contribuír a mellorar a implantación das TIC en Galicia e a superar a fenda dixital?
-Dende logo esa é a nosa idea, nós defendemos que o coñecemento é un factor de produtividade e que a formación, dirixida á mellora continua dos profesionais, debe facilitar o incremento da capacidade competitiva das empresas e por tanto da implantación das TIC. A superación da fenda dixital esixe actuacións diversas e coordinadas. Partindo desta premisa o CNTG pode, dentro do seu ámbito competencial, aportar o seu graíño de area mediante a detección de tendencias tecnolóxicas que permitan a formación de profesionais certificados, realizar actuacións dinamizadoras como centro demostrador de novas tecnoloxías ou ferramentas, propor xornadas de sensibilización sobre oportunidades e ameazas do mercado, etc.
-Cre que os datos amosan que se está a reducir esa fenda? En que aspectos sería necesario incidir máis?
-Non me atrevo a dicir dun xeito tallante que a fenda se estea a incrementar ou a diminuír, pero si é claro que a posición de Galicia respecto ao resto de España e Europa debe mellorar, existindo determinados aspectos nos que cómpre incidir: investimento en infraestruturas, incremento da banda ancha, universalización da capacidade dos cidadáns para acceder aos servizos da sociedade do coñecemento, etc.
-Como valora a calidade dos profesionais e das empresas galegas relacionados coas novas tecnoloxías?
-Non hai dúbida, en Galicia o nivel e calidade, tanto dos profesionais como das empresas, é moi alto. As empresas as sosteñen os profesionais e na nosa comunidade existen varias que son todo un referente para o sector. Cinguíndonos as persoas, aos técnicos, a experiencia que temos recollida neste ano de funcionamento do CNTG amosa unha forte implicación dos alumnos nas actividades formativas organizadas polo centro consecuencia do seu interese en seren competitivos e cualificados nas diversas tecnoloxías que afectan ao seu ámbito profesional.
-Debe aumentar a colaboración entre as administracións e as empresas para potenciar a sociedade da información?
-Un dos alicerces base do CNTG é potenciar unha contorna colaborativa e participativa entre o centro e as empresas, agrupacións empresariais e colexios profesionais do sector. Se no primeiro ano da nosa andaina chegamos a acordos con asociacións tales como Agestic, Eganet ou Ineo, os nosos obxectivos para este segundo ano que iniciamos son, por unha parte, consolidar e potenciar as liñas colaborativas xa en marcha e, por outra banda, incorporar a estes acordos a novas asociacións e colexios profesionais.
"As novas tecnoloxías só teñen sentido se se levan á sociedade"
-Cal é a traxectoria de Tagen Ata?
-Tagen Ata naceu como unha empresa (vai facer sete anos en marzo) vinculada ao Software Libre. O labor principal da empresa é un compromiso coa difusión e mellora do Software Libre, e o nexo común é a lingua. Difundimos e creamos ferramentas que lle poden dar un espazo ao galego. O ámbito das TIC e a lingua é, pois, un dos ámbitos de traballo máis importantes para nós. Facemos traballos de localización de software, tamén de interacción co texto, proxectos de difusión do Software Libre, cunha política de difusión social, e vinculado ás novas tecnoloxías do ensino en liña do galego. Pretendemos sacarlle ao Software Libre toda a potencialidade para traballar coa lingua, e tamén facemos localización e difusión de programas en galego. Estamos contacto cos usuarios, polo que comprobamos que o feito de que unha aplicación estea en galego dálle un valor á lingua. Hai que unir o positivo das novas tecnoloxías á cuestión da lingua.
-Como é o traballo na empresa?
-O traballo da lingua permite formar grupos de traballo transversais, con filólogos, informáticos... A transversabilidade é importante. Hai unha implicación persoal porque é un proxecto con vertente social, é unha cooperativa, con participación a diversos niveis. O traballo faise nunha igualdade de niveis para que a comunicación sexa efectiva entre as diferentes partes. Isto fai que o coñecemento teña que ser entendíbel, aproveitábel, entre todos, e é complicado filtrar os códigos de filólogos, de informáticos... Os lingüistas téñense que achegar ás novas tecnoloxías e os programadores á lingua. Ampliamos e compartimos o coñecemento entre os diferentes membros de Tagen Ata.
-Como valora a evolución do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información?
-Tagen Ata colabora coa difusión dunha liña: a da lingua vinculada ao Software Libre. Facemos fincapé en que toda innovación e mellora tense que difundir. As novas tecnoloxías só teñen sentido se se levan á sociedade. É a idea en abstracto do que para nós é importante. Temos experiencia neste campo: ver se a aplicación se usa, en que redes sociais... Temos tamén unha vertente de traballo social, e o feito de poder introducir innovacións nos centros de ensino. A nosa preocupación polas cuestións de xénero e o que levou a facer Exeria vén por esta implicación social.
-En que medida é novidosa Exeria?
-É Software Libre e interactúa co OpenOffice.org, algo que non facía ningunha das ferramentas semellantes que existían no Estado. Hai interacción gramatical, cunha análise morfolóxica por detrás. Non é unha ferramenta que funcione de xeito liñal. Imaxin desenvolveu o motor e Tagen Ata as análises morfolóxicas. Os termos proceden do corpus da Administración, da lingua que se emprega a nivel administrativo, con arredor de 40 millóns de palabras. Analizouse a frecuencia de cada palabra en sete mil casos. A filtraxe semántica foi a parte máis complicada, porque hai diferentes solucións posíbeis. É importante analizar a relación cos adxectivos, coas contraccións e o seu contexto.
-Que criterios seguen á hora de escoller unha determinada terminoloxía para as súas aplicacións?
-Nas novas tecnoloxías xorden moitos termos. Non podemos agardar a que se acepten todos para comezar a usalos. O feito de que uns termos se vaian asentando ou non depende da calidade e da coherencia de tradución. A nosa primeira contribución neste eido foi traducir Gnome 2.16. O labor terminolóxico é moi importante. Cada aplicación é un mundo (xogos, servidores...), por iso son importantes as investigacións terminolóxicas, onde tamén hai parte unha filolóxica e de análise dos usos dese termo, ou se se poden traducir ou non (como o caso de software). Leva tempo e é custoso, pero a finalidade é que a comunidade se poida aproveitar deste traballo, pola vocación de difusión do Sofware Libre.
-Como está o galego no eido das novas tecnoloxías en relación con outras linguas? Poderíase mellorar esta situación?
-O índice de saúde dunha lingua nas novas tecnoloxías mídese polo número de persoas que colaboran nelas. Camboxa ou Sudáfrica son as sociedades que teñen máis dinámica. Depende da comunidade e de como se articula. En Galiza precísase máis masa crítica, de ámbitos como a universidade, que poden contribuír a enriquecer a comunidade e a distribuír roles -hai xente que ten que facer todo-. As universidades están moi desvinculadas das novas tecnoloxías e do galego. Todo o traballo que estamos a facer levounos a desenvolver correctores, tradutores e ferramentas de tratamento lingüístico a través das novas tecnoloxías. Todas as linguas parten dunha situación semellante á nosa, agás o inglés. As sociedades periféricas son as que están a desenvolver esta tecnoloxía, con moito traballo de innovación detrás.
"Hai que conseguir que a xente de mediana idade se familiarice coas novas tecnoloxías"
-Como xurdiu a idea de crear Cabozo?
-Moitos dos meus amigos de toda a vida en Viveiro por uns motivos ou outros tiveron que irse vivir a outras cidades, ben dentro de Galiza ou fóra. Ao voltar a Alemaña despois das vacacións de Nadal 07/08, vin que era unha pena non manter unha boa comunicación entre nós durante todo o ano. Xa sei que existen os e-mails ou os programas de mensaxería instantánea, pero eu quería algo máis. Unha web na que puidésemos enviar mensaxes contando as cousas que nos ían pasando no día a día, compartir novas interesantes que vemos pola internet e compartir as fotografías e vídeos que imos facendo, tanto persoais coma cando estamos todos reunidos de novo en Viveiro.
E a cousa funcionou pero que moi ben. Agora, cando nos reunimos polas vacacións en Viveiro, xa non temos esa sensación de estar tan desconectados uns dos outros unha vez que voltamos a reunirnos.
-Que características o diferencian doutras redes sociais?
-Ainda que pareza estraño, nunca usei outra rede social que non fora Cabozo. Non quero que Cabozo estea moi influenciado polas ideas que poida coller doutras redes sociais. Intento que sexa o mais diferente posible ás demais.
Por outra banda, creo que un dos aspectos mais interesantes de Cabozo é que os usuarios, ademais de ser os que lle dan vida coas súas mensaxes, imaxes, etc., tamén son un pouco os seus desenvolvedores. Calquera usuario pode propoñer melloras e novas funcións, e dependendo de se son viables ou non, sempre se acaban implementando. Creo que isto é tamén un pouco emocionante para o usuario, pois calquera día que entres a Cabozo pódeste encontrar con esa nova función que ti suxeriches.
E iso tamén era o que pretendía, crear unha web 100% dos usuarios e que fora mellorando e crecendo grazas aos seus aportes.
-Como se está a recibir a iniciativa?
-Ao comezo unicamente era usado por min e os meus amigos de Viveiro. Pouco a pouco outra xente por medio de nós tamén o foron coñecendo e apuntándose. Nestes últimos días, ao aparecer novas sobre Cabozo en varias webs, rexistrouse unha cantidade importante de novos usuarios. Estamos bastante contentos coa acollida que está tendo entre os internautas galegos e non galegos, tendo en conta ademais que nun principio Cabozo non foi pensado para o gran público.
-Como é a súa vida como emigrante en Alemaña?
-Levo xa tres anos e polo momento moi contento. No ámbito profesional por fin síntome realizado e motivado, pois atopei un traballo moi acorde á miña formación e cunhas condicións laborais 'normais'. Anteriormente estiven traballando en Madrid, e bueno, xa sabemos todos que traballos e contratos normalmente nos ofrecen á xente nova. Por ese motivo decidín probar sorte por estas terras. O máis difícil ao comezo foi o tema do idioma, o alemán tórceseme aínda bastante. Nun principio intenteilles ensinar o galego pero non lles daba entrado, polo que tiven que acabar indo a clases de alemán.
-Hai moita diferenza entre o acceso á sociedade da información en Galiza e en Alemaña?
-Nos derradeiros 3-4 anos creo que en Galiza houbo un aumento importante tanto no uso dun ordenador coma no acceso e uso da banda larga, polo que esa diferenza que puidese existir con Alemaña púidose acortar.
O que si vexo é que a xente de mediana idade (40-60 anos) está moito máis familiarizada coas novas tecnoloxías aquí que na Galiza. Creo que iso é unha materia pendente que temos que resolver, pois esta xente é a que normalmente ten as pequenas e medianas empresas, e se non teñen un coñecemento moi claro do que son as novas tecnoloxías e do que poden aportarlles aos seus negocios nunca avanzaremos o suficiente.
Tendo en conta que Galiza nunca soeu desfrutar dunha infraestrutura de comunicacións en condicións, mediante o uso das novas tecnoloxías, as empresas poden salvar este obstáculo e darse a coñecer e facer negocio xa non con España, senón tamén co resto de Europa ou do mundo.
Tamén respecto ao comercio electrónico, aquí é moito máis habitual facer compravenda de cousas na rede que na Galiza. Creo que en Galiza, aínda unha boa parte da poboación ou non sabe moi ben como vai, ou non saben de que vai iso do comercio electrónico ou aínda lle teñen medo a dar os seus datos bancarios a unha web.
Polo que voltamos ao mesmo, falla de formación e de información.
-Que cres que se debería facer para que Galiza estivese a un nivel europeo no acceso á rede, por exemplo?
-O que se está a fomentar agora e moito, xa non só en Alemaña, senón en outros países europeos é o acceso a banda larga móbil. En Galiza témoslle que dar a mesma importancia a esta modalidade de acceso á rede, pois unha gran parte da poboación vive no medio rural, no que moitas veces o acceso á banda larga fixa "non é posible".
Ademais dun acceso de calidade, estes accesos de banda larga teñen que ter uns prezos asequibles para toda a poboación, pois contamos cos prezos do acceso por banda larga máis altos de Europa.
Polo que, resumindo, témoslle que garantir a toda a poboación, tanto no medio urbano como rural, un acceso de calidade e con precios razoables á rede por medio da banda larga, e despois facilitarlle información e formación adecuada para empregar esa tecnoloxía xa non só para buscar información, senón que a xente que teña negocio propio dea o salto e lle saque o maior rendemento posible para o seu negocio a este gran invento que foi e é a internet.
"O sector galego das TIC goza dunha envexable posición no contexto español"
-Recentemente, nove empresas adscritas a Vindeira recibiron a acreditación CMMI. Que supón esta distinción?
-Non so é un recoñecemento para o software que se está a desenvolver na nosa comunidade, senón que amosa o valor do traballo colaborativo, neste caso impulsado pola Plataforma Vindeira. En Galicia necesitamos máis iniciativas como esta, que demostran que cando se busca a complementariedade e as sinerxías, todas as partes gañan.
-A que nivel se atopa o sector galego das TIC, comparado co noso contorno?
-O sector galego das TIC goza dunha envexable posición no contexto español. Algunhas das empresas do sector son ben coñecidas internacionalmente e están todos os días a demostrar o alto nivel da tecnoloxía saída de Galicia; ademáis estánse a crear moitas empresas novas e dinámicas que nos deparan agradables sorpresas. Pero non se debe falar de casualidade: existe un tecido de xeración de coñecemento que da soporte a estes avances. Temos escolas de enxeñeiros informáticos y de telecomunicacións de altísimo nivel formativo e investigador, e o Centro Tecnolóxico que eu dirixo, aínda que de recente creación, xa está a facer aportacións de alto impacto.
-Puxéronse en contacto co novo goberno para facerlle chegar as súas propostas? Cales son as súas expectativas?
-Xa tivemos os primeiros contactos. A nosas expectativas pasan porque se entenda a importancia que ten a I+D na creación de riqueza. A I+D ten ciclos de retorno de inversión relativamente longos, polo que non se poden esperar resultados inmediatos, pero no mundo competitivo e globalizado no que vivimos, non hai outro xeito de loitar: por desgraza, continuamente estamos a ver no noso entorno que tratar de competir en custos ou aferrarse ás preferencias locais para xerar mercados é un erro. ¿Qué nos queda pois? A xeración de coñecemento, ir por diante dos demais. Por eso esperamos do novo goberno que aposte pola I+D e que sobre todo o faga con moita máis intensidade naquelas áreas nas que é posible a traslación dos resultados ao noso tecido industrial, coma no caso das TIC.
-Como valora as liñas estratéxicas marcadas no PEGSI?
-En xeral, a miña valoración é positiva, especialmente no que toca a importancia das infraestructuras de telecomunicación e o achegamento telemático da administración ao cidadán.
-Ve positiva a evolución da sociedade galega cara á Sociedade da Información e a superación da fenda dixital? Cre que se poderían tomar medidas para acelerar esa converxencia?
-As estatísticas seguen a dicir que seguimos no lado subdesenvolvido da fenda dixital. Naturalmente, para acelerar a converxencia sería necesario traballar arreo na dotación de infraestructuras de acceso de banda ancha, porque por primeira vez existen os medios tecnolóxicos para facelas realidade cun custo asumible. E por outra banda hai que profundizar na alfabetización dixital, o que tamén precisa do desenvolvemento de tecnoloxías que fagan máis sinxela a interacción das persoas coas máquinas e co software.
-Como ve o futuro do sector das TIC en Galicia? Tamén lle afecta a crise económica?
-Hai uns anos xa vivimos, algúns de nos de moi preto, a nosa crise particular, co estoupido da burbulla das punto com. Como en todas as crises de burbulla, nos primeiros intres afectan a todos, pero en canto se aclara o panorama xurden moitas novas oportunidades e nichos de mercado. No caso das TIC, aínda estamos aproveitando aquelas oportunidades; o importante é que malia crise, a I+D non se detivo. Por tanto, eu vexo o futuro do sector TIC en Galicia dun xeito moi optimista; por suposto a crise se está a notar, pero seguimos crecendo a bo ritmo.
O lugar común
O .cat acadou a mediados deste mes a espectacular cifra de 20.000 dominios rexistrados. O número de documentos indexados en Google baixo este paraugas supera os tres millóns e medio, por enriba de todos os dominios patrocionados e dalgúns xenéricos. O camiñar dos cataláns non só vale como referencia de que é posible; tamén convenceu ó ICANN de que non se trata dun proxecto problemático e economicamente ruinoso. Agora ben, as persoas que estiveron dende o principio nesta aventura advirten: os atrancos son numerosos, e non todos pequenos. Hai mar de fondo.
Doce entidades convocaron o dez de xuño de 2006 en Santiago a asemblea constituínte da Asociación PuntoGal, co obxectivo de acadar para a lingua e a cultura galegas un dominio propio. Entre estas entidades figuraban a Real Academia Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, o Consello da Xunventude, a Asociación de Editores, Galicia Hoxe ou Fillos.org. Dende entón, máis de corenta institucións amplamente representativas avalaron a necesidade do .gal. Recentemente, na páxina www.puntogal.org abrimos un espazo para a adhesión individual, e na enquisa na que participaron arredor de dúas mil persoas máis do 80% considera ben factible, ben sinxelo acadar o obxectivo fundacional.
A consecución dun dominio de seu constitúe unha vella reivindicación da comunidade galega na internet. Os esforzos anteriores axudaron a que o actual modelo teña parte do camiño feito. Non partimos de cero. Pero a aposta ten os seus riscos. O ICANN non aceptou o dominio catalán máis que pola forza dos feitos: a documentación presentada era impecable e detrás da candidatura existía unaminidade social e política.
No PuntoGal temos moi presentes esas dúas cuestións. As comisións de traballo deberán facer uns informes técnicos, económicos e filosóficos impecables. Nada pode quedar ó azar. Sen embargo, os informes e a campaña artellada arredor do dominio non servirán de nada absolutamente- se a cidadanía non respalda o dominio. Precisamos todas as adhesións. Ou, visto en negativo, non podemos permitir unha única voz discordante.
Nos vindeiros meses, a asociación acelerará a consecución de apoios nos estamentos sociais e políticos, moi especialmente tamén na Galicia exterior. Os Centros Galegos son vitais para universalizar o dominio e dotar de contido á candidatura.
A recente aprobación do PEGSI supuxo un primeiro paso para situarnos no século XXI. Non sen tempo, a administración galega sacou adiante un plano con moitos aspectos positivos, entre os que figura o feito en si de elaborar o documento. Logo de anos de pilotar a cegas, o traballo que queda por diante é complexo e difícil. A Xunta ten o deber de contar con todos os actores implicados, dende as distintas perspectivas, para plasmar en accións concretas o traballo inicial. Nese plano, o PuntoGal figura entre os obxectivos estratéxicos, inclusión que non pode ser máis que recibida con satisfacción pola asociación.
Galicia opta a un dominio esponsorizado nunha lista na que tamén está a Bretaña (.bzh) ou Gales (.cym), e candidaturas xeográficas, como a de Berlín (.berlin) ou Nova York (.nyc). A día de hoxe resulta difícil saber con exactitude cales son as condicións que imporá o ICANN para a seguinte convocatoria, nin cando se abrirá. Do 26 ó 30 de marzo celebrarase en Lisboa a 28º Conferencia Internacional Pública da organización na que previsiblemente se abordará a cuestión. É probable que non se tarde moito en convocar. Sexa como sexa, cando chegue o momento, o PuntoGal estará alí.
Se superamos os filtros, a consecución do .gal servirá para facernos visibles na rede, darlle un espazo propio á nosa cultura e á nosa lingua, posibilitar que as empresas e institucións traballen baixo un dominio que as identifique, aumentar a autoestima, promover o desenvolvemento da Sociedade da Información. Crear unha marca. Un lugar común.
O IN.CI.TE. e as Tecnoloxías da Información
Entre as liñas prioritarias de actuación de IN.CI.TE., o novo Plan Galego de I+D+i até o 2010, está a posta en marcha de Programas Sectoriais para favorecer a investigación aplicada que poida ser transferible aos principais sectores da economía galega, así como fomentar as actividades de investigación e innovación tecnolóxica realizadas por empresas galegas. A Sociedade da Información constitúe unha das doce áreas que recibirán atención primordial por parte do Goberno galego, que destinará a estos Programas Sectoriais un presuposto de 240 millóns de euros (o 30% do presuposto global de IN.CI.TE.).
No sector da Sociedade da Información o obxectivo da Consellería de Innovación e Industria é atender proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica relacionados coa extensión da sociedade da información en Galiza, fundamentalmente en tres áreas: as relacións coa Administración, a calidade de vida e as aplicacións a sectores económicos.
En primeiro lugar, interésanos incentivar proxectos destinados á creación de contidos dixitais ou audiovisuais e aplicacións informáticas relacionados coa Administración pública e, en particular, coas relacións entre os cidadáns e a Administración.
En segundo lugar está a extensión da Sociedade da Información a un aspecto fundamental na nosa sociedade: a calidade de vida. Para elo, dinamizaremos proxectos destinados á creación de contidos dixitais ou audiovisuais e aplicacións informáticas en áreas tales como a sanidade, a educación, o turismo, o lecer ou os deportes, co obxectivo último de mellorar a calidade de vida dos galegos e permitir o acceso de todos os cidadáns á sociedade da información.
Por último, están as Aplicacións a sectores económicos, é dicir, proxectos destinados á creación de aplicacións informáticas, relacionados con todos os sectores económicos de Galiza e, en particular, con aqueles nos que poidan contribuír en maior medida ao seu desenvolvemento, tales como transportes, pesca, comercio, audiovisual... ou que teñan impacto en aspectos transversais como o medio natural.
O impulso destas iniciativas levarase a cabo mediante a creación e consolidación de centros, financiamento de grupos e redes de investigación, investigadores, investigadoras e persoal de apoio. Pero sobre todo, estas liñas orientarán as actividades no campo da Sociedade da Información dos instrumentos fundamentais dos Programas Sectoriais: o Programa I+D+ SUMA, o Programa PEME: I+D e o Programa de Innovación Empresarial.
O deseño destas liñas de actuación no ámbito da Sociedade da Información realizámolas ante a convicción que a I+D+i está unida, de forma incuestionábel, ao desenvolvemento económico dun país, pero este feito ten que producirse mediante a aplicación do coñecemento adquirido aos sectores económicos e sociais. Neste proceso, cobran un peso importante os Programas Sectoriais, neste caso relacionados coa Sociedade da Información, que favorecen a investigación aplicada que poida ser transferíbel aos principais sectores da economía galega, así como as actividades de investigación e innovación tecnolóxica realizadas por empresas galegas. Con estas medidas pretendemos satisfacer as demandas procedentes da industria, das empresas e dos novos sectores emerxentes na economía do coñecemento. Unha política que prima o desenvolvemento de tecnoloxías de calidade, competitivas, que entronquen coa nova política económica de Galiza.
A eclosión da Sociedade da Información é un fenómeno no que Galiza debe participar de cheo e no que desde as competencias da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación traballaremos para a súa expansión e óptimo aproveitamento. O desenvolvemento da Sociedade da Información constitúe a pedra angular do obxectivo da UE de converterse nunha economía máis dinámica e competitiva para o 2010 e nesa mesma liña traballaremos todos, tamén nós desde Galiza.
O papel dos enxeñeiros informáticos na sociedade da información galega
En opinión da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG), a nosa comunidade conta con profesionais cualificados no eido tecnolóxico e que están a recibir unha formación de calidade. Desde o punto de vista das enxeñarías en informática, cómpre lembrar que as tres Universidades teñen titulacións.
Sen embargo, é necesario traballar para que se produza un aproveitamento deste potencial. Así, a AEIG aposta polas seguintes medidas:
- Favorecer que tanto as entidades privadas como públicas poidan aproveitar o activo que supón a existencia destes profesionais para a modernización do seu funcionamento e da sociedade en xeral.
- Conseguir deste xeito un mercado de traballo importante que evite que os nosos titulados teñan que deixar Galicia ou traballar en postos que non fan uso das súas capacidades. Non só se trata de conseguir máis postos de traballo e de salarios acordes, senón de proxectos atractivos para os profesionais e que favorezan o seu desenvolvemento e aprendizaxe como profesionais, sobre a base da súa formación académica.
É certo que o tecido empresarial galego, baseado principalmente nas pemes, pode que non contribúa á existencia dun mercado de profesionais das TIC con distintos perfiles e nivel de especialización. Certamente, pode resultar difícil que as empresas incorporen varias persoas ós seus cadros de persoal dentro dos departamentos de Informática.
Xeralmente as compañías optan por departamentos cun só profesional, é dicir, por informáticos "para todo". Pero tamén é certo que, en ocasións, máis que a dificultade económica, a verdadeira razón para non contar con profesionais das TIC é o descoñecemento das vantaxes e o elevado retorno de inversión que pode supor a aposta decidida pola modernización. Este é precisamente un dos aspectos polos que máis aposta o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información.
Ademais, esta falta de mercado percíbese máis segundo se sube na escala profesional. Tamén existen carencias na formación, posto que non se potencia suficientemente este tipo de profesionais de alto nivel. Deste xeito, cómpre apostar decididamente pola presenza de profesionais das TIC en xeral -e enxeñeiros en informática en particular- en postos de decisión. Para lograr este obxectivo, a AEIG propón as seguintes medidas a tomar polos axentes sociais:
- A formación debe dar unha maior orientación de cara a estes postos, aproximándose ás necesidades do mercado laboral.
- Débese concienciar ó tecido empresarial e ás administracións da necesidade de que os profesionais TIC participen non só na implementación de solucións TIC senón tamén na toma de decisións, orientación de estratexias de negocio, etc.
- Tamén habería que estudar fórmulas máis habituais noutros lugares, como é a figura do freelance, que permita dalgún xeito contar coa axuda de profesionais cualificados sen necesidade de incorporar distintos perfiles ós cadros de persoal.
Vías para a difusión do software libre en Galiza
Hai aproximadamente un ano o observatorio galego de Software Libre, integrado en "mancomun.org", realizou un estudo de mercado sobre a implantación do Software Libre en Galicia abarcando catro ámbitos: empresas, centros educativos non universitarios, administración local e o sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). Á vista das conclusións expostas en devandito informe é necesario expor unha serie de reflexións.
No ámbito da Pequena e Mediana Empresa (PEME), dado o gran descoñecemento existente, evidénciase a necesidade de pór en marcha e apoiar programas de divulgación e sensibilización, especialmente entre os responsables e xestores, así como entre os técnicos informáticos.
A creación de guías informativas sobre a filosofía e o alcance do Software Libre en aspectos como as licenzas e a seguridade xurídica, a análise de custos, a calidade dos desenvolvementos, os casos de éxito, os provedores e os produtos, axudarían enormemente a mellorar a capacidade de elección de solucións software.
Por outra banda, as administracións públicas teñen un papel tractor nas primeiras fases de implantación do Software Libre. Por iso, é necesario promover e apoiar dende elas accións dinamizadoras do Software Libre no sector das empresas informáticas.
Estas accións deberían sempre ter en conta ás propias empresas e a outros axentes intermedios (cámaras de comercio, asociacións empresariais, etc.) a fin de solicitar a súa opinión e axustalas para facelas máis efectivas.
A promoción e apoio ás empresas que xa teñen produtos Software Libre, así como ás que non os teñen para que os inclúan no seu catálogo, sería tamén moi útil. Neste sentido, hai que incentivar desde a administración o nacemento de novas empresas informáticas no sector e apoiar aos novos titulados nesta liña de negocio.
Así mesmo, a creación dunha rede de contactos e coñecemento para difundir as solucións contrastadas e as mellores experiencias prácticas permitiría divulgar casos de éxito, utilizando o efecto demostrativo doutras empresas que utilizan Software Libre ou que o desenvolven.
Neste sentido, é fundamental promover a creación de comunidades e puntos de encontro entre empresas desenvolvedoras para reunir e compartir recursos software; deseñar, adquirir ou desenvolver conxuntamente aplicacións libres para crear economías de escala e acometer proxectos de maior tamaño.
A capacitación dos profesionais informáticos é outro dos cabalos de batalla. Actualmente existen carencias importantes polo que hai que promover a formación en Software Libre dos futuros profesionais informáticos actuando coordinadamente cos centros de formación especializada, públicos e privados.
Estas accións formativas deben ir máis aló dos técnicos informáticos e abarcar tamén aos empregados e usuarios comúns mediante cursos, guías de implantación e migración, guías de solucións e aplicacións, etc.
Dende mancomun.org xa se están desenvolvendo algunhas destas liñas mestras como: a elaboración de sesións divulgativas para informar ás empresas das vantaxes e inconvenientes de adoptar este tipo de software; a publicación de casos de éxito de implantación de Software Libre, así como de provedores que desenvolven a súa actividade exitosamente con este modelo de negocio; a apertura dun directorio de provedores que xa conta con máis de 40 empresas que incorporan o Software Libre nalgún produto do seu catálogo; a creación dun espazo de intercambio de ofertas e demandas entre empresas que facilita a contratación de solucións baseadas en Software Libre; a publicación de boletíns periódicos recollendo as principais novidades no mercado; finalmente, a recomendación constante á Administración Pública, que ten un papel clave na dinamización do uso de estándares abertos, para que incorpore o Software Libre nas principais ordes e axudas.
Manifesto a favor do software libre e formatos abertos ás administracións locais de Galiza
O pasado 10 de xaneiro foi aprobado polo Consello da Xunta de Galiza o Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI), ratificado o 30 de marzo polo Parlamento galego e que define claramente unha política tecnolóxica do goberno galego baseada no uso de estándares abertos e na promoción do software libre.
O PEGSI, contempla catro obxectivos estratéxicos:
1.-Crecemento e emprego
Apostar polo crecemento e o emprego, potenciando a aplicación das Tecnolóxias da Información e Comunicación (TIC) como medio para construír unha economía galega competitiva baseada no capital intelectual e no coñecemento.
2.- Liderado
Identificar e pór en valor liderados efectivos en Galiza con respecto á Sociedade da Información para definir, desenvolver e consolidar actividades innovadoras de carácter participativo no desenvolvemento tecnolóxico.
3.- Cohesión social e territorial
Vertebrar territorial e socialmente Galiza a través da creación de condicións de acceso igualitario ás oportunidades derivadas da Sociedade da Información.
4.- Identidade cultural
Aproveitar as TIC como vehículo que garanta a presenza da identidade cultural galega na sociedade da información, conformando unha oferta de servizos e contidos nas plataformas converxentes que impulsen os niveis de uso.
Estratexias operativas
O plano agrupa as medidas que se han desenvolver en oito estratexias operativas, cada unha referida a un eido de actuación:
- Infraestruturas para a Sociedade da Información,
- Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto,
- Contidos e servizos,
- Desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información,
- Aplicación das TIC polo tecido empresarial,
- Servizos públicos de calidade,
- Inclusión e sostibilidade e
- Instrumentos para a xestión das políticas públicas da Sociedade da Información.
Orzamento
Resulta tamén salientable o esforzo económico cun orzamento de máis de 800 millóns de euros.
Na segunda das estratexias operativas (Interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto) o PEGSI recolle recomendacións de "distintos programas e organismos da Unión Europea que teñen contribuído con diversos documentos, guías e recomendacións á posta en práctica de políticas públicas comunitarias, como é o caso da Guía para a migración a software libre orientada ás administracións públicas. Noutro plan, a Comisión Europea definiu a través da súa axencia IDABC un Marco Europeo de Interoperabilidade para os Servizos Paneuropeos de Goberno Electrónico, no que basea esta implementación nos principios de accesibilidade, multilingüismo, seguridade, privacidade, subsidiaridade, uso de estándares abertos, aproveitamento dos beneficios do software libre e o uso de solucións multilaterais."
Por todo iso, e atendendo aos obxectivos estratéxicos, o PEGSI afirma que:
..." Administración galega asume eses obxectivos de mellora da súa eficiencia, eficacia e transparencia na prestación dos servizos públicos, de desenvolvemento dunha administración electrónica verdadeiramente centrada no cidadán, de fomento dun tecido empresarial propio asociado ás TIC, e de acadar que o coñecemento sexa un ben público e accesible para toda a cidadanía. Baixo estas catro grandes motivacións propón a execución das seguintes iniciativas no escenario que debuxa o PEGSI."
En relación coa administración local de Galiza o PEGSI define a iniciativa IeCA-LA1-I3 Apoio á adopción de software libre na sociedade galega e establece:
"A premisa positiva que se aplica na anterior iniciativa, referida ao impacto positivo de implantación do software libre na Administración galega, e extrapolable ao resto de administracións e actividades económicas. Así, o PEGSI debe ser, igualmente, motor de dinamización e difusión no resto de administracións que operan en Galiza así como no tecido empresarial do país na aposta polo software libre."...
..."A Administración galega pode aportar ás deputacións e aos concellos as plataformas e recursos tecnolóxicos necesarios para o desenvolvemento dos seus servizos públicos electrónicos, sobre todo naqueles concellos con menos recursos como parte do apoio á Administración electrónica na Administración local (relacionada coa iniciativa PUB-LA1-I4 Modernización da Administración local)."...
..."De calquera xeito, e en ámbolos dous casos, as accións divulgativas e de formación orientadas a explicar aos responsables técnicos dos concellos e das empresas as avantaxes que pode ter a implantación de solucións de software libre, configúranse como outro conxunto de iniciativas prioritarias na execución do PEGSI."
Por todo isto, pídese ás novas corporacións das administracións locais de Galiza que asuman publicamente unha posición ao respecto e a desenvolver políticas coherentes co PEGSI, anímase igualmente a todo o mundo, que coincida con aquilo que se expón, a adherirse segundo o seguinte:
MANIFESTO A FAVOR DO SOFTWARE LIBRE E FORMATOS ABERTOS ÁS ADMINISTRACIÓNS LOCAIS DE GALIZA
As tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) son, nestes momentos máis que nunca, un elemento fundamental na economía e o progreso dunha sociedade.
Para facelas adiantar é imprescindíbel que a cidadanía as poida empregar de xeito universal. As galegas e galegos temos dereito a acceder ás TIC sen ningunha discriminación de tipo social, económico ou calquera outra e a facelo na nosa propia lingua.
Os concellos teñen que se comprometer a defender o dereito de acceso á sociedade da información dos seus veciños, así como a implicarse no proceso de alfabetización dixital e a colaborar para superar a fenda dixital.
O obxectivo deste manifesto é dobre, por unha banda, esixir aos concellos que garantan estes dereitos da cidadanía e por outra pedirlles que sexan consecuentes cos obxectivos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información.
Un dos alicerces fundamentais do acceso ás TIC é o software. A pesar disto, o acceso ao software vese restrinxido por políticas diversas en forma de contratos, licenzas ou patentes, que limitan o uso e discriminan a uns sectores da cidadanía dificultando ou prohibindo o acceso en condicións legais e cunha garantía mínima de calidade.
Desde hai anos existe un movemento internacional de persoas e entidades que desenvolven software baixo unhas licenzas que defenden que, cando se adquire un programa, o usuario ten que ter o dereito de estudalo, modificalo e redistribuílo libremente. O software que garante estes dereitos coñécese como software libre.
O software libre permite que todos os seus usuarios e usuarias poidan axudar na súa mellora. Son software libre o sistema GNU/Linux, diferentes navegadores web como o Firefox, paquetes ofimáticos como o OpenOffice.org ou o Koffice, os servidores que utiliza Google e outros moitos programas de gran calidade. No software libre hai millóns de voluntarios/as, e tamén grandes empresas multinacionais como IBM, HP, Sun, etc.
Empregar software libre ten moitas vantaxes, algunhas das máis importantes son:
Quen o compra non ten que ser cliente a perpetuidade do seu fornecedor; pode contratar a quen libremente elixa para facer as modificacións ou adaptacións segundo as súas necesidades. Se hai un erro na aplicación, non se depende da empresa en cuestión para arranxalo.
- Non discrimina a ninguén. Ata os actuais fornecedores de software privativo poden ofrecer software libre, mudando a licenza do seu produto, ou adaptando o software libre existente.
- A maioría do software libre é de balde ou de custo moi baixo, ao contrario que o software privativo.
- O acceso ao código permite analizalo para comprobar que non fai nada malo (por exemplo, que non conteña código espía ou malicioso). Tamén permite aplicar melloras.
- Permítenos participar en proxectos internacionais punteiros, e polo tanto, potenciar unha industria local de desenvolvemento de software.
Hai ámbitos estratéxicos en que o impacto do software é especialmente importante. A continuación mencionamos algúns:
- A comunicación da cidadanía coa administración Cada vez máis, a comunicación entre a administración e a cidadanía faise por vía informática. Isto fai esta comunicación moito máis áxil e eficiente. A miúdo atopámonos que, cando necesitamos comunicármonos coa administración, obrígasenos a empregar un tipo de computador ou un software concreto dalgunha empresa determinada. A administración non pode esixir a ninguen ser cliente de ningunha empresa, sobre todo cando esta comunicación se pode facer mediante os formatos e estándares abertos definidos por comités internacionais (ISO 26300/2006), eximindo ao usuario de empregar software de tal ou cal empresa. A administración ten que garantir a non transgresión destes estándares nos servizos que ofrece ao cidadán. Un caso especialmente relevante do incumprimento destes estándares dáse cando se incumpren as normas de accesibilidade. Estas din o que é preciso facer para que a información, por exemplo dunha páxina web, poida chegar a todo o mundo e, especialmente, ás persoas con dificultades visuais, auditivas ou motrices. É paradóxico que a administración esixa aos cidadáns cumprir estas normas, por exemplo cando se proxecta un edificio, e en cambio practicamente as ignore cando se trata das súas propias páxinas web.
- A informática dos concellos A administración en xeral, e os concellos en particular, usan moito software. Isto supón unha partida moi importante do seu orzamento. Unha parte deste software é xenérico (sistemas operativos, ofimática...). Moito deste software ten alternativas libres de calidade. Non usalas é, como mínimo, un malgasto dos recursos públicos. Outra parte do software é feito a medida. As condicións de contratación deste contrólaas a administración e, polo tanto, pode regular aspectos, como son por exemplo a titularidade da licenza, a propiedade do código, o cumprimento de estándares... A pesar de que xa existen algunhas alianzas entre concellos para ter maior poder de negociación ante os provedores á hora de facer pedidos de software abaratando os custos, aínda non hai bastante reaproveitamento de recursos. Posto que este software é pagado con diñeiro público, teríase que facer público o código. Deste xeito incentívase a outros concellos a reutilizalo, compartindo os custos de mantemento e evolución.
- A educación (PUB-LA2 Ensino) O sistema educativo, desde primaria ata a formación de adultos, é un elemento absolutamente fundamental para a nosa sociedade. Nas escolas, institutos, universidades e outros centros de formación o software está cada vez máis presente. A pesar de que a maioría de competencias en educación caen fora do ámbito municipal, os concellos teñen unha tarefa moi importante na formación da súa veciñanza, a miúdo dentro do contexto dos centros cívicos (culturais, de veciños, deportivos...). Exemplos típicos son os cursos de especialización para profesionais e cursos de novas tecnoloxías para evitar a fenda dixital. Non usar software libre neste eido provoca disfuncións moi importantes. Por exemplo, a miúdo os alumnos non poden permitirse ter na súa casa, instalado de xeito legal, o software que teñen na escola. Isto imposibilita usar na casa o que se ensina no centro. Non hai necesidade de forzar esta situación cando existe software libre coas mesmas funcionalidades. Os gobernos de Andalucía e Estremadura xa aplicaron esta política con éxito.
- A empresa (5 - Desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información) No ámbito produtivo, as pequenas e medianas empresas tamén son prisioneiras do fornecedor. Demasiado a miúdo sáltanse a legalidade para poder acceder ao software privativo, xa sexa por descoñecemento de alternativas ou por carencia de incentivos para facer o cambio. Existen grandes empresas que puideron facer a migración a software libre, pero a pequena e mediana empresa necesita información, formación e apoio económico para facer este investimento de futuro. A situación actual do desenvolvemento de novas tecnoloxías, algunhas das cales aínda dependen moito do software privativo, limita ás empresas galegas do sector tecnolóxico a actividades de instalación, mantemento e de intermediarios da venda de licenzas de terceiros. O software libre é unha oportunidade para a pequena e mediana empresa do sector, posto que permite o acceso ao código de proxectos grandes que custarían moitas horas-home non asumibles doutro xeito.
- A lingua (CeS-LA2 - Contidos galegos para a internet) Un dos aspectos máis cruciais do éxito das TIC é a integración do galego no mundo dixital. É preciso que o software que se usa estea traducido á nosa lingua, como tamén a documentación, manuais de usuario, etc. Centos de voluntarios/as traducen ao galego o software libre máis empregado logo de que sae unha nova versión, e isto pódeno facer porque teñen acceso ao código fonte.
Por todo iso, pídese:
Ás novas corporacións das administracións locais de Galiza, que tomen unha posición pública razoada a favor respecto de cada unha das seguintes demandas:
- Comunicación cos cidadáns empregando formatos libres e abertos 1. Pedimos que os lugares web da administración local sigan as recomendacións do Consorcio W3C. 2. Que a documentación que xere a administración local sexa plenamente accesible en formatos abertos. E pedímolo porque non queremos que a administración impoña aos cidadáns que programas teñen que usar para podérense comunicar.
- Uso e desenvolvemento de software libre dentro da administración local sobre plataformas libres 1. Pedimos que os concellos manteñan a súa información, e polo tanto os nosos datos, en sistemas de almacenamento baseados en software libre co cal poida saber que fai e de que xeito, protexendo a integridade da información, segundo o establecido na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter persoal, <11> e as normas que a desenvolven. 2. Que os concellos liberen todo o código fonte propio feito a medida, de forma que outras administracións, ou a cidadanía mesmo, poidamos usalo. 3. Que o novo software propio que sexa preciso desenvolver se publique baixo licenzas libres e empregue estándares abertos, e que sexa independente de plataformas privativas (bases de datos, sistemas operativos, librerías...) de xeito que permita facer a migración a entornas totalmente libres nun futuro. 4. Compromiso respecto da publicación dos gastos anuais en licenzas e mantemento de software no conxunto das administracións. 5. Que os pregos de licitación de concursos públicos para a implantación de solucións con software esixan a utilización de estándares abertos e o uso de software libre. 6. Que os parámetros para valorar os méritos das empresas e persoas que se presentan a concursos contemplen o modelo económico do software libre. Este é diferente do modelo clásico de empresa de software posto que habitualmente está formado por redes de pequenas empresas. 7. Que nas bases de selección de persoal ao servizo da administración local galega se avalíen os coñecementos en aplicacións de ofimática e sistemas operativos libres, por contra dos privativos actuais. E pedímolo porque non queremos que a nosa administración estea suxeita aos ditados das multinacionais, porque pensamos que aquilo que pagamos entre todos/as témolo que aproveitar todos/as e porque as diferentes administracións teñen que poder compartir custos.
- Uso de software libre na educación 1. Pedimos que nas escolas, nos cursos de formación para adultos e nos de divulgación das TIC se utilice software libre. 2. Pedimos a creación de material didáctico, especificamente dirixido ao ensino, do software libre, que se difunda publicamente e con permiso para ser reutilizado. E pedímolo porque se queremos unha sociedade integrada nas TIC é preciso que o fagamos con ferramentas que estean dispoñibles para todo o mundo, legalmente e en galego. E porque non é aceptable desde un punto de vista ético, e mesmo legal, subvencionar o uso de software privativo.
- Promoción do uso e desenvolvemento de software libre no tecido social e económico 1. Pedimos axudas económicas e un servizo de apoio á pequena e mediana empresa que queira migrar a software libre. 2. Que se fagan campañas institucionais de concienciación no uso do software libre e dos formatos abertos. 3. Que os accesos públicos a internet e recursos informáticos (como centros neurais, centros antena, telecentros e bibliotecas) fagan uso de software libre. 4. Pedimos que os concellos sirvan de catalizadores de calquera iniciativa cidadá que promova o software libre. E pedímolo porque pensamos que o software libre representa un impulso, non unicamente importante mesmo imprescindíbel, para o sector tecnolóxico, crea fortes dinamismos sociais e permite acceder a todos á tecnoloxía en igualdade de condicións.
Agradecementos:
as/aos compoñentes da lista orglliure@llistes.softcatala.org, a Toni Hermoso Pulido e a Softcatalá
a Oscar Hermida, Manuel Morán e ao IES Chan do Monte polo seu proxecto traducíndote, empregado neste documento,
a Rafael Ávila pola súa colaboración na corrección,
a Claudio F. Filho de BrOffice polas súas suxestións,
a tódolos/as colaboradores/as de AGNIX e
a toda a comunidade galega e internacional do software libre, sen as que nunca teríamos chegado ata aqui.
Este documento é derivado do orixinal desenvolvido colaborativamente na lista orglliure@llistes.softcatala.org e publicado por Toni Hermoso Pulido, o 21 de maio do 2007 no sitio web de softcatala mantendo, polo tanto, a súa licenza orixinal.
Oito novos concellos de Pontevedra incorpóranse hoxe á TDT
Un total de
45.000 persoas, veciños e veciñas dos concellos pontevedreses de Meis, O Grove,
Cambados, Ribadumia, Portas, Barro, Moraña e Moaña, xa poden disfrutar desde
hoxe das vantaxes da sinal dixital nos seus fogares, ao incorporarse esta mesma
mañá á Televisión Dixital Terrestre.
Estes
concellos, que hoxe rexistraron o apagamento analóxico definitivo, pertencen á área
técnica de Domaio, que xunto á de Páramo constitúen as áreas nas que se está a
levar a cabo o acendido dixital nesta terceira e última fase do proceso de
transición á TDT, que finaliza o vindeiro venres, 2 de abril.
Estes son os
concellos que contan cun maior índice de poboación do conxunto da comunidade e aos
45.000 veciños que xa disfrutan da TDT, haberá que sumarlle outros 273.992
habitantes dos 45 concellos da área técnica do Páramo, que o vindeiro 2 de
abril verán a televisión con mellor calidade de imaxe grazas á TDT.
En total, ao
finalizar o proceso, serán 694.000 os veciños e veciñas da área técnica de
Domaio que reciban o sinal de TDT nos seus fogares, que xunto aos do Páramo
suman preto dun millón de galegos e galegas con mellor sinal de televisión nas
súas casas.
Segundo veñen
de informar dende a Secretaría Xeral de Medios, a encargada deste proceso na
nosa Comunidade, “en ambas as dúas provincias a xornada
está a transcorrer sen incidentes salientables e descenderon considerablemente
o número de chamadas de notificación de incidencias por parte dos usuarios”.
Nembargantes, a Secretaría Xeral de
Medios segue a recomendarlle aos cidadáns que, logo da instalación dos
adaptadores da TDT, comproben a correcta orientación da antena, sen agardar ás
datas fixadas para o apagamento analóxico, dado que, segundo informan, “no 98 por cento dos casos, xa se pode
recibir o sinal da televisión dixital”. “É importante, polo tanto”, engaden,
“que se verifique a correcta recepción da
TDT nestes días, dada a proximidade de datas festivas nas que non poderán
recibir a atención dos técnicos instaladores.”
Asemade, o servizo de atención telefónica
ao cidadán sobre a TDT segue activo para darlle unha resposta máis áxil ás
dúbidas dos usuarios. Como xa sucedeu durante a primeira fase de implantación
da TDT, os teléfonos dispoñibles para atender as consultas son o 012 e o
981572154.
O Concello de Brión supera os 1.100 amigos no seu primeiro ano en Facebook
O Concello de Brión, un dos que máis se move para que
ningún recuncho dos seus lindes quede sen facer uso das novas tecnoloxías, tamén
quixo aproveitar as vantaxes que ofrecen as redes sociais en Internet e hai un
ano creou a súa propia conta
en Facebook, onde xa ten rexistrados un total de 1.114 amigos.
A iniciativa, que xurdiu para “promocionar
Brión e ofrecer un lugar na Rede onde os residentes no concello, e tamén os que
xa non viven nel, poidan comunicarse e compartir as súas experiencias coa xente
que ten Brión como elemento común”, vén de facer un ano, e o éxito
acadado é tal que os alumnos de informática para maiores do Concello tamén se
sumaron a esta moda, demostrando que as relacións en liña non teñen idade.
O seu profesor,
Antonio Casal, explica que “estabamos a
practicar coa creación e envío de e-mails, empezaron a recibir invitacións de
familiares e coñecidos a sumarse ao Facebook e houbo que ensinarlles”.
De feito, os
alumnos xa están plenamente integrados nesta rede social, que aproveitan para
relacionarse non só cos outros alumnos do curso senón tamén con familiares e
amigos. “Hai alumnas que aproveitan o
Facebook para falar cos seus fillos ou con familiares que están noutros países”,
explica Antonio Casal.
Asemade, segundo sinala
Julio Mallo Nieto, técnico municipal de novas tecnoloxías e coordinador deste
Facebook, o Concello de Brión emprega a miúdo esta rede social para dar a coñecer
as actividades que se organizan dende os distintos departamentos municipais e,
ao mesmo tempo, para pulsar a opinión que os veciños teñen sobre as mesmas. De
feito, o sitio dispón tamén dun foro, denominado Exprésate, no que cada mes se sube unha fotografía sobre a que
poden opinar todos os usuarios. A temática é moi variada e vai dende se se
deberían restaurar as Torres de Altamira ata o estado do IES de Viceso.
Asemade, o
Facebook do Concello de Brión tamén recolle álbumes de fotos dos monumentos e
aldeas do municipio xa que “a idea
inicial coa creación deste Facebook era promocionar os recursos do concello,
aínda que tamén estamos vendo que é unha ferramenta moi interesante para xente
que leva anos fóra de Brión e que aproveitan este foro para coñecer novidades
sobre o municipio”, sinala Julio Mallo.
O Concello de
Brión, segundo asegura Mallo Nieto, “foi
o primeiro municipio da bisbarra en contar con perfil en Facebook”, ao que
tamén se pode acceder dende a páxina
web municipal e do redor desta iniciativa xurdiron outros grupos de
usuarios que se xuntaron ben por lugares (tanto por urbanizacións como por
parroquias, onde destaca o grupo de Bastavales con 160 membros) como por
afinidades (seguidores da viaxe da mocidade ou dos intercambios
Brión-Guillena).
Os asistentes ao II Seminario Sociedade da Información en Galicia analizan o noso futuro en materia de novas tecnoloxías
A secretaria
xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, que vén de
participar, esta mesma mañá, na segunda edición do Seminario Sociedade da Información en Galicia, organizado
pola revista Socinfo, lembrou na súa actuación, o cambio de estratexia decidido
polo Goberno galego hai un ano en materia de novas tecnoloxías coa creación dun
único órgano directivo, dependente da Presidencia do Goberno para planificar
todas as actuacións TIC da Administración autonómica. Este foi, segundo a
responsable do departamento autonómico, “o
primeiro paso na forte aposta do Executivo galego pola integración das TIC en
todos os ámbitos da sociedade”.
Neste acto, que
reunía a representantes tanto da Administración autonómica, como das
deputacións e os concellos para analizar a situación actual e os plans de
futuro en materia de novas tecnoloxías na Comunidade, Pereira apuntou que a
dotación de infraestruturas tecnolóxicas aos servizos públicos “é fundamental para avanzar na implantación
da iniciativa eGoberno, un novo modelo de relación entre a Administración, a
cidadanía e as empresas”.
A titular de
Modernización fixo clara referencia aos tres ámbitos sectoriais nos que a Xunta
está a implantar as novas tecnoloxías para mellorar os servizos públicos, que
son: a sanidade, a educación e a xustiza.
Do primeiro
fixo balance da e-receita, implantada
a finais de 2008 e da que no 2009 foron prescritas máis de 7,5 millóns en
centros de atención primaria nos que están adscritas máis de 1.200.000 persoas.
Na educación, o proxecto ABALAR introducirá no vindeiro curso o concepto de
Centro Educativo Dixital en máis de 700 aulas e dotará a 14.500 alumnos de ultraportátiles. A Xunta
investirá nesta primeira fase máis de 12 millóns de euros.
Na área da
Xustiza, estase a establecer unha estratexia e unha planificación temporal e de
recursos para racionalizar e redeseñar os procesos, actualizar os sistemas de
información e despregar as infraestruturas e medios tecnolóxicos necesarios,
cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros. O seguinte paso será o
desenvolvemento do Primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información na
Xustiza da Comunidade.
Para avanzar na
implantación de todas estas actuacións e garantir o dereito dos cidadáns a
relacionarse coa administración en todos os seus niveis a través dos medios
electrónicos, Mar Pereira lembrou que “xa
se está a traballar na mellora e na estensión das infraestruturas de
telecomunicacións co Plan Director de Banda Larga 2010-2013”, que busca, entre outras cousas, achegar o acceso a
Internet aos máis de 786.000 galegos e galegas que na actualidade non dispoñen
dun servizo de calidade.
A
alfabetización dixital foi outro dos aspectos cualificados de “imprescindibles” pola secretaria xeral de
Modernización “para acadar a plena
integración das TIC”. Neste campo, Mar Pereira destacou a posta en marcha
da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia
CeMIT, que coordina as máis de cen aulas dependentes da Xunta e a colaboración
do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia para fomentar actividades de
alfabetización dixital dos colectivos con máis dificultades de acceso ás novas
tecnoloxías.
“Constituír
un sector TIC forte e unido é outro dos eixes básicos no impulso do proxecto
tecnolóxico que está a desenvolver o Goberno galego”. Neste
sentido, Mar Pereira, valorou a creación do Cluster TIC e amosou o apoio
constante da Administración autonómica ao sector.
Xornada sobre a plataforma eBox no CNTG
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia organiza para o vindeiro día 15 de abril de 2010 unha Xornada sobre a plataforma eBox, dentro das súas actividades formativas dirixidas a profesionais desempregados ou ocupados, tanto do sector público como privado, que teñan responsabilidades, exerzan e/ou orienten a súa actividade como técnicos no eido da administración de sistemas.
O relator do evento será D. Jorge Salamero, desenvolvedor e analista de sistemas eBox. Con anterioridade a súa entrada en eBox Jorge Salamero traballou na universidade de Zaragoza como administrador de sistemas, desenvolvedor Linux e responsable da comunidade universitaria de software libre. Na actualidade compaxina as súas tarefas en eBox coas de desenvolvedor Debian.
O contido da xornada incluirá unha breve introdución sobre a plataforma eBox para, a seguir, presentar a súa potencialidade e funcionalidade como servidor de oficina, en concreto LDAP e Samba.
...