Literatura
Hoxe na Coruña, entrega dos Premios María Casares de Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia entrega hoxe os Premios María Casares de Teatro, nunha gala que terá lugar no Rosalía de Castro a partir das 20:30. Os candidatos ao mellor texto orixinal en galego son:
Manuel Lourenzo por As Dunas do Centro Drámatico Galego
Mofa & Befa por Shakespeare para Ignorantes de Producións
Teatráis Excéntricas
Santiago Cortegoso por Os Cómicos Dell ́Auto de Teatro De
Ningures
Podedes descargar o dossier informativo coa listaxe completa de candidatos (PDF, 442 KB)
A Coruña: conferencia de Xabier P. Docampo
Mañá xoves 25 de xuño ás 20 horas na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña impartirá unha conferencia o escritor Xabier P. Docampo, co título Camiños de futuro da lingua galega. Organiza a Asociación Cultural Namentras. A entrada é libre até completar capacidade.
IX Certame de Creación Literaria «Terra de Melide» Narrativa 2010
O Concello de Melide convoca o IX Certame de Creación Literaria Terra de Melide de Narrativa 2010, rexido polas seguintes bases:
1. Poderán concorrer todas/os as/os autoras/es cunha única obra narrativa, novela ou relato(s) curto(s), escrita en lingua galega, cunha extensión mínima de sesenta páxinas.
2. As obras presentadas deberán de ser orixinais e inéditas, non premiadas noutros concursos. Presentaranse por quintuplicado, en tamaño folio DINA4, mecanografadas a duplo espazo por unha soa cara, debidamente grampadas ou encadernadas, baixo plica, sen remite, co título da obra e un lema, nome do autor e teléfono de contacto.
3. O premio está dotado de 6.000 euros. Compete ao xurado outorgar o premio ou deixalo deserto, ou ademais salientar unha obra como finalista do certame. O/a gañador/a tamén recibirá o 10% da venda dos libros.
4. O xurado estará constituído por cinco integrantes, ademais dun presidente/a (alcaldesa/alcalde do Concello de Melide) e unha secretaria/o que non terán nin voz nin voto.
5. O Concello de Melide garante a publicación da obra gañadora a través da editorial Edicións Xerais de Galicia, S.A.
6. A decisón do xurado darase a coñecer por volta do 7 de xuño de 2010, data simbólica para as melidás e melidaos, pois o 7 se xuño de 1933 saíu do prelo da Editorial Nós o libro Terra de Melide.
7. As obras deberán de enviarse antes do 15 de abril de 2010, data na que remata o prazo de presentación, á Secretaría Xeral do Concello de Melide, praza do Convento, nº 5, Melide, A Coruña.
8. A interpretación das bases correspóndelle unicamente ao xurado. Polo simple feito de participar, o/a autor/a comprométese a acatalas.
Boiro: presentación dun libro de Milagros Torrado
A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Toxosoutos e o Proxecto Leñaverde presentan o libro O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illas Británicas e Galiza, de Milagros Torrado. O acto terá lugar na Estación Leñaverde de Boiro, o vindeiro venres 26 de marzo ás 20:30 horas, e nel estarán presentes a autora; o catedrático de Historia e Cultura Inglesas da Facultade de Filoloxía da USC, Fernando Alonso Romero; o director de publicacións de Toxosoutos, David González; o coordinador de Barbantia, Alberto Piñeiro; e mais o alcalde de Boiro, Xosé Deira.
Lugo: homenaxe a Jesús Pérez Regueiro
Vaise levar a cabo unha homenaxe a Jesús Pérez Regueiro, responsábel da Galería/Librería Sargadelos de Lugo, grande espazo cultural da cidade. O acto está promovido pola Asociación Cultural Ágora Lugo e respaldado por múltiples persoas, asociacións culturais e outros colectivos que sempre tiveron na Galería Sargadelos e en Jesús os mellores colaboradores. O vindeiro 15 maio (data elixida polo homenaxeado por ser próxima ao Día das Letras Galegas) no Salón Rexio do Círculo das Artes terá lugar o evento lúdico/cultural coa participación confirmada de varios poetas, escritores, actores e músicos da nosa cidade. A continuación haberá unha cea para os que desexen acudir. Poden contactar coa organización neste correo electrónico ou nos teléfonos 655 273 193, 609 255 115 ou 666 916 020.
MANUEL MARTÍNEZ: "¿ACERCAR LA LITERATURA A TODOS TIENE QUE SER GRATUITO?"
MANUEL MARTÍNEZ, en El Periódico de Extremadura: ["La función de las bibliotecas públicas debe ser la de acercar la literatura a todos, ¿pero tiene que ser de manera absolutamente gratuita? 20 céntimos por libro, con independencia de las veces que se preste, es una cantidad más que accesible y que ataja la crítica que tradicionalmente se le ha hecho a la industria cultural: precios demasiado elevados. ¿Acaso 20 céntimos por cada libro que una biblioteca adquiere para que cientos de personas puedan disfrutar de 6 o 7 horas de apasionante lectura no es un buen precio? Pocas cosas ya cuestan tan poco y proporcionan tanto placer."]
A Coruña: presentación do libro Bailabén
Mañá xoves 25 de marzo na Biblioteca de Estudos Locais presentarase o libro Bailabén, de Gustavo Couto e Edith Cotilla (Ed. do Cumio). O acto comeza ás 20 horas e a entrada é libre até completar capacidade.
Os veos da paisaxe, de Eduardo Estévez
Con versos limpos, despidos e brillantes como o azo da navalla Eduardo Estévez corta para nós anaquiños de saborosa froita poética. A paisaxe é o mundo que o noso corazón consome cada día, por iso neste poemario é estruturada nas racións da mañá, do mediodía, da tarde e da noite. Os ollos ven, mais non todo; o corazón sente, mais descoñece a fondura das vibracións alleas. Esa ignorancia, ese desexo de completar o cadro do mundo que se abre perante os nosos ollos evidencia un veo, e este o recoñecemento da ansia de saber. A causa daquel veo, Eva quixo saber e mordeu a mazá. Porque a paisaxe é rica sobre todo en misterios.
O obxecto, con fotografías do autor inseridas e feitura artesanal de Antonio Piñeiro, é máis un artigo de coleccionista da Colección Bourel que conta con unicamente 80 exemplares seriados, numerados e asinados. Unha encadernación rústica con papel de 160 gramos que asegura o máximo pracer dixital —aínda que non virtual—, para alén do poético.
GALICIA DÉIXASE NOTAR EN BOLOÑA
Importantes actos protagonizados por autores de Nós
Hoxe celébrase na cidade italiana de Boloña a segunda xornada da Feira Internacional do Libro Infantil no que a Editorial Galaxia ten unha importante presenza ao contar cun espazo propio que, dende o primeiro instante, se converteu en lugar de traballo con ilustradores de todo o mundo, profesionais do libro dos cinco continentes e, en xeral, con todos aqueles que teñen algo que aportar nun dos sectores do mundo editorial sen dúbida máis interesantes e motivadores para os que nos dedicamos á edición.
Para hoxe está previsto que no stand de Galicia se presente o catálogo realizado por GALIX para a Feira, no que, entre outros, se recollen os libros editados por Galaxia en todas as súas coleccións infantís e xuvenís.
Por outra banda, os escritores Antonio García Teijeiro e Fina Casalderrey, convidados pola Asociación Galega de Editores como representantes da nosa literatura infantil, intervirán como protagonistas destacados dentro das actividades desta Feira Internacional.
En definitiva, todo un conxunto de actos para seguir alimentando o soño feliz de crearmos un espazo de felicidade, en forma de libro, para os pequenos e pequenas da casa. Se eles son lectores agora, serán lectores no futuro.
Alonso Montero, doutor honoris causa pola UNED
A institución académica homenaxeou en Madrid catro figuras da lingüística hispana, entre elas ao profesor galego.
Recoñecido coma unha das personalidades sobranceiras da lingüística, a filoloxía e a crítica literaria, o profesor Xesús Alonso Montero recibiu en Madrid o nomeamento de doutor honoris causa pola Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), a institución con máis número de alumnos das universidades españolas.
No mesmo acto foron tamén homenaxeados os profesores Antonio M. Badía i Margarit (polas letras catalanas), o vasco-francés Jean Haritschelhar Duhalde e, pola lingua castelá, Humberto López Morales.
O acto, presidido polo rector da UNED, doutor Gimeno Ullastres, centrouse na celebración das linguas do Estado Español: castelán, éuskaro, catalán e galego, encarnadas en catro figuras representativas dos estudos filolóxicos.
MORREU OUTRO ATLETA DESE PODIO
Morreu outro atleta dos que se subiron a ese podium que campa no alto deste “blog?”. Vai ficando baleiro.http://www.elpais.com/articulo/Necrologicas/Wayne/Collett/atleta/simbolo/poder/negro/elpepinec/20100321elpepinec_1/Tes
Hai fusión? Caixa Atlántica ou Caixa do Atlántico?

Como salientan as versións xornalísticas de hoxe, o escenario da fusión das caixas quedou aberto, mais que ninguén descarte que, finalmente, os triunfadores poidan ser tamén JG e AC. En todo caso, de ser certo isto, beizón para o país que conseguiría un acordo histórico nun momento de enorme incertidume.
GALICIA MÉTESE NO MOLLO BOLOÑÉS
XORNAL: [As editoriais galegas Kalankraka, OQO, Galaxia, Nova Galicia e Baía, terán un stand Feira do Libro de Boloña. Tamén estarán presentes Xerais e El Patito, para negociar acordos, así como a Asociación Galega de Editores, nunha caseta conxunta, na que estarán presentes 17 editoriais galegas, cos escritores Antonio García Teijeiro e Fina Casalderrey, e cos ilustradores David Pintor e Manel Craneo. Ás anteriores hai que sumarlles a A Nosa Terra, Rodeira, Sotelo Blanco, Tambre, Biblos Clube de Lectores, Everest, Obradoiro – Santillana, Primera Persona, Toxosoutos e Xerme.. Unha autora galega terá tamén especial protagonismo nesta edición, xa que a súa novela Ás de Bolboreta, foi unha das 250 obras seleccionadas para a exposición The White Ravens, que selecciona a Internationale Jugendbibliothek de Munich. Os escritores Antonio García Teijeiro e Fina Casalderrey tamén estarán no stand de Galicia en Bolonia para participar en diversas presentacións con axentes e editores. Asemade, asistirán os ilustradores David Pintor, seleccionado pola organización da feira para a mostra de ilustradores e Manel Craneo proposto pola AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración].
Alberte Momán e Diego Giráldez gañan os premios Aurelio Aguirre e José Saramago
Alberte Momán gañou a VII edición do Certame de Poesía Aurelio Aguirre coa obra Sermos un. O xurado valorou “a construción do poemario, a perfecta cohesión entre o poético e o real permitindo transmitir unha confesión irreverente a través do verso libre que flúe na conciencia social”.
O vencedor do IX Certame de Relato Curto José Saramago foi Diego Giráldez García coa obra Un cometa para unha despedida, sobre a cal o xurado salientou a solidez da linguaxe, a tensión do relato e o misterio que envolve o argumento. Os dous premios están organizados pola concellaría de Cultura de Santiago.
Xesús Alonso Montero: “Vexo difícil volver á RAG”
O escritor e académico galego Xesús Alonso Montero -será investido hoxe pola UNED como Doutor Honoris Causa por ser “digno representante do galego”. Máis información en Galicia Hoxe (entrevista), La Voz de Galicia, El País e La Opinión de A Coruña.
III Premio Internacional de Poesía para niños Ciudad de Orihuela
Kalandraka deu a coñecer as bases do III PREMIO INTERNACIONAL DE POESÍA INFANTIL CIUDAD DE ORIHUELA, co prazo aberto para a presentación de traballos en castelán até o 20 de setembro de 2010. Bases: PDF, 563 KB.
UNHA NOVELA ESENCIAL
Galaxia publica unha nova edición, preparada por Camilo Gonsar, da novela “Desfeita”.
Dentro da Biblioteca de autor que Editorial Galaxia dedica a Camilo Gonsar, publícase unha nova edición, que o autor deixou preparada antes da súa morte en 2008, de Desfeita, novela que aborda o tema das consecuencias guerra civil e a ditadura franquista na sociedade galega. A obra do escritor de Sarria é unha das obras narrativas máis singulares das escritas en Galicia desde a década de 1960.
Publicada por primeira vez no ano 1983, Desfeita iníciase cunha pescuda, a das causas dunha morte acontecida a raíz da sublevación militar de 1936. A degradación da sociedade franquista, desde a deturpación da paisaxe á desfeita urbanística, pasando pola negación da memoria histórica e da cultura galega, invade o relato desta novela, na que queda definitivamente retratatada como represión política mais tamén como anulación da vontade dunha sociedade sometida. O despropósito e o absurdo dunha sociedade que se mente a si mesma, que se disfraza do que non é.
No limiar á segunda edición do libro, que se conserva nesta nova edición por decisión do autor, o poeta Xavier Rodríguez Baixeras salienta “a pureza e a fluidez con que transcorre o artellamento entre as distintas secuencias e, sobre todo, as oportunas mudanzas de ritmo” que outorga á narración un aquel cinematográfico. Por outra banda, segundo John Thompson, autor do libro As novelas da memoria, no que se estuda a novela de Gonsar, Desfeita “amosa mellor que calquera outra novela galega os comportamentos disfuncionais, o infantilismo, a ignorancia e a alienación como produtos do franquismo e da desmemoria que segue até os tempos actuais”. Trátase, pois, dunha novela esencial para comprendermos a nosa historia recente.
Galaxia na Feira de Boloña
Dende hoxe e ata o venres terá lugar a cita máis importante da Literatura Infantil e Xuvenil

Como cada ano, a cidade italiana de Boloña acolle a Feira do Libro Infantil e Xuvenil máis importante, sen dúbida, do mundo, espazo de intercambio e de diálogo entre editoriais, autores, ilustradores. Editorial Galaxia estará presente nesta cita cun stand compartido con outras catro editoras galegas.
Serán catro días plenos de actividade arredor dun sector da industria do libro que é a todas luces esencial. Os libros que facemos para os máis pequechos da casa, a calidade dos autores e autoras que escriben para este chanzo de idade, o nivel, altísimo, dos ilustradores, fan que a cita de Boloña sexa unha festa na que aprender pero, tamén, un bo medidor das tendencias e de por onde vai camiñar un futuro no que, a industria editorial galega, dende sempre, se sitúa na vangarda.
