Skip to Content

Educación

A trampa do pacto

Educación - qua, 03/24/2010 - 11:01

Desde hai un par de meses circula en ámbitos políticos e educativos un documento titulado "Propuestas para un pacto social y político por la educación" unha proposta presentada polo Ministerio de Educación, que segundo manifestou publicamente o ministro Ángel Gabilondo, ten por obxecto acadar o tan anceiado Pacto pola Educación, un acordo que permita estabilizar o sistema educativo e impedir dese xeito que cada vez que entra un novo inquilino na Moncloa se faga unha nova lei educativa.

Somos moitas as persoas  que coincidimos en que non se debe xogar con algo tan importante como é a educación, dado o seu carácter de servizo público fundamental, o mesmo poderíamos dicir da sanidade ou dos servizos sociais. Por tanto esa iniciativa do PSOE pode ser ben aceptada pola cidadanía ao transmitir un suposto desexo do goberno español de mellorar o servizo público educativo e garantirlle unha estabilidade que o permita estar alleo aos cambios políticos. E aqueles que manifesten a súa opinión contraria a esa proposta teñen un problema dado que a equipa de marqueting de Zapatero xa conseguiu que moita xente estea predisposta a considerar como radicais, pechados e inmobilistas aos que decidan non apoiar o documento.

Non sei, aínda que teño unha sospeita, como vai ser o documento final, pero o que neste momento está sobre a mesa no fundamental o que fai é poñer por escrito o programa educativo da dereita española e entregar o sistema público de ensino ao empresariado do ensino privado (eu sigo chamándolle "privado" e non "concertado" dado que eses centro de ensino son empresas cuns empresarios que son os seus donos e que como é lóxico buscan obter un beneficio xa sexa económico ou ideolóxico). E digo isto porque en todo o documento se equiparan a rede pública e a rede privada, chegando a decirse que é obriga do goberno dotar de maiores recursos aos centros privados para favorecer e garantir a libre elección das familias.
O anterior é só un exemplo das cuestións negativas incluídas no documento, un documento que deixa en boas intencións os poucos aspectos positivos que contén, e non fai referencia algunha a reivindicacións que hoxe son urxentes para mellorar o traballo do profesorado nos centros de ensino e que levan vinte anos sen ser abordadas como a diminución do numero de alumnos e alumnas por aula.

Podería referir outras ausencias de reivindicacións laborais do colectivo docente ou de mellora do servizo público, que son defendidas desde hai anos por aqueles que consideramos que unha sociedade verdadeiramente avanzada só pode ser a que garante á cidadanía uns servizos públicos de calidade, precisos sempre pero aínda máis en momentos de crise como o actual. Pero non vou profundar máis no documento nin nas reivindicacións laborais do profesorado galego, dado que o primeiro é facilmente accesíbel na rede e as segundas son perfectamente defendidas pola CIG e apoiadas nos centros de ensino. O que si quero é dar a miña opinión sobre a razón que leva ao goberno español a facer isto agora e dese xeito.

Nun momento de forte bronca mediática entre PSOE e PP, e digo mediática porque á hora da verdade nos temas de fondo están defendendo posturas que se diferencian en matices pero teñen o mesmo fondo, Zapatero estase lanzando a unha campaña de imaxe, transmitindo a idea de que fai o que non fai e de que busca o que non busca. Por tanto si o PP non asina un pacto que inclúe a meirande parte das súas reivindicacións será porque está botado ao monte negándose a calquer diálogo quedando de bó o presidente do goberno do estado; e si pola contra rematan por asinalo Zapatero ponse unha medalla por baixar do monte á dereita e acadar un pacto estábel nunha cuestión tan sensíbel.

Xa veremos como remata a cuestión pero haxa ou non haxa pacto, o texto que está enriba da mesa hoxe non vai supor unha mellora do sistema público de ensino no estado español. Sexa cal sexa o remate nós seguiremos traballando por acadar un sistema educativo propio adaptado á realidade e ás necesidades da nosa nación.

Historia vai á folga polo máster docente

Educación - qua, 03/24/2010 - 00:00
Só hai vinte e licenciaranse oitenta

O IDIS captou 6,7 millóns en dous anos de funcionamento

Educación - qua, 03/24/2010 - 00:00
O recoñecemento como o sétimo centro de Investigación do sistema Nacional de Saúde dálle ás para acadar máis fondos, di Farjas

"As persoas primeiro", o lema de Mercedes Brea para ser reitora

Educación - qua, 03/24/2010 - 00:00
A catedrática de Filoloxía Románica rexistrou a candidatura ·· Acepta debater a seis

Abalar, en setembro

Educación - qua, 03/24/2010 - 00:00
O vindeiro mes comeza a preparación de 200 profesores para coordinar a implantación das TIC nas aulas, que para o curso implicará 14.500 alumnos

A escola de Monte Alto recibe o premio de educación vial

Educación - ter, 03/23/2010 - 00:00
Durante catro sábados, os pequenos percorreron a cidade para estudar o tráfico

A Xunta fomenta o cooperativismo nos centros docentes

Educación - ter, 03/23/2010 - 00:00
A convocatoria atinxe ós nenos de infantil, primaria, ESO e mais FP

Tres reitorables á USC presentan candidatura o primeiro día de prazo

Educación - ter, 03/23/2010 - 00:00
Os catedráticos Sánchez Piñón, Fernández Prieto e Casares Long, a metade dos candidatos que se enfrontarán o vindeiro 5 de maio, formalizaron onte as súas aspiracións

Pulmón de Galicia

Educación - ter, 03/23/2010 - 00:00
O ministro de Educación gaba o Campus Vida da USC como exemplo do novo modelo de universidade especializada chamado a ser a cerna do crecemento

Encontros PLAMBE 2009/2010

Educación - seg, 03/22/2010 - 10:27

Os días 15 e 16 de abril celebraranse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2009/2010. Están convocadas as persoas responsables das 299 bibliotecas escolares incluídas no presente curso neste programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os encontros teñen como finalidade avanzar na formación específica deste colectivo nos aspectos máis variados da biblioteca escolar: o papel que xogan hoxe en día estas bibliotecas nos centros educativos e as posibilidades que ofrecer para educar a un alumnado que medra na sociedade da información. Son espazo de reflexión e de intercambio de experiencias; unha oportunidade para a creación de vínculos profesionais que posibilite traballos colaborativos entre as distintas bibliotecas, nunha dinámica xa creada e que está a demostrar a súa efectividade.

A lectura para a aprendizaxe, a educación de competencias básicas como o "tratamento da información e competencia dixital", a presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital, serán algúns dos contidos a tratar en maior profundidade.

Debuxar con tipografía

Educación - dom, 03/21/2010 - 11:02

Os debuxos feitos con tipografía (letras, números e caracteres) chámanse caligramas, e pinacogramas no caso de retratos.
Estes son uns exemplos:

type_moto.jpg type_astronauta.jpg
type_lilwayne.jpg type_A_Picture_Worth.jpg

Tamén podemos facer animacións con caligramas, como podedes ver neste vídeo:


[youtube: typolution ] (Vía Dreig)

Se queredes probar isto de debuxar con tipografías existen na rede diversas aplicacións que nos facilitan a tarefa. Estas son algunhas:

E como estas cousas enredan, recoméndovos que o deixedes para cando rematedes os exames deste trimestre.

Se che gustou a anotación podes votala en bitacoras.com

Podes deixar un comentario en: Debuxar con tipografía

Mentira, mentira, mentira

Educación - dom, 03/21/2010 - 00:00

Os responsábeis do retroceso na normalización do noso idioma din que non se van mover un ápice da Lei de Normalización Lingüística:

Mentira. O artigo 1 da Lei de Normalización Lingüística di que todos os galegos temos o dereito de coñecer o noso idioma (fronte á obriga de coñecer o español que non é lingua propia das galegas e os galegos, un desequilibrio manifesto no que o goberno non quere reparar). Mais o que vai suceder, de aplicarse un decreto nos termos presentados pola Consellaría de Educación, é que haberá rapaces e rapazas que serán privados do dereito a coñecer a súa lingua até os seis anos, como mínimo, en virtude da decisión adoptada por algúns pais e nais que, non só privan aos seus propios fillos do seu dereito individual a coñecer o seu idioma propio, senón que estenden esta privación aos fillos e fillas doutras familias que si reclaman o exercicio deste dereito. Decisión que adoptarán porque si, mesmo cando esa lingua non sexa a da familia ou a do contorno. Así que o recollido no artigo 13 da antedita Lei sobre o dereito das nenas e dos nenos a recibir o primeiro ensino en galego non se vai cumprir. Daquela estanse movendo, e moito, da Lei de Normalización Lingüística.

Os responsábeis do retroceso na normalización do noso idioma din que o equilibrio deu un bo resultado durante 20 anos en Galiza e que por tanto van volver ao equilibrio.

Mentira. Andan ás voltas co equilibrio, e o primeiro que habería que dilucidar é que é equilibrio para a lingua galega, se se pode chamar equilibrio prescribir un límite para non superar o 50%. A lingua, como as mulleres, maioritarias na poboación, mais secundarizadas, precisa de medidas de acción positiva. Por exemplo, asumimos con normalidade que para o acceso a un posto de traballo estean estipuladas medidas que favorezan ás mulleres, pois elas son o sector de poboación en desvantaxe. Na lingua, iso consistiría en incrementar os espazos de uso do idioma para promover o equilibrio entre o uso excesivo do español, e o cada vez máis minorizado do galego, por exemplo nos centros educativos.
 Máis. Os estudos sociolingüísticos demostran que non houbo equilibrio até o de agora, e aí están os resultados do retroceso no uso do noso idioma, aí están os estudos que demostran que non se cumpriu a normativa que regula a lingua galega, sobran documentos que testemuñen que o equilibrio non existiu. E din que queren volver a esa situación, á situación de 20 anos de incumprimento da lexislación, tal e como demostraba o propio Anxo Lorenzo en O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000), elaborado xuntamente con Xan M. Bouzada e Agustín Fernández Paz. Naquel estudo constataban as eivas na aplicación do Decreto do 95, "derivadas das significativas porcentaxes de incumprimento" e de que por parte da "Administración non se ve unha vontade de facer cumpri-la lei, dado que non hai un seguimento real da súa aplicación nin se toma ningunha medida práctica para corrixir estes incumprimentos". Esqueceulle?

Os responsábeis do retroceso na normalización do noso idioma din que os pais, cando lles ensinaban matemáticas aos fillos, había termos que non comprendían.

Mentira. Daquela os pais, todos os pais, si están en condicións de explicar derivadas e logaritmos, despexar ecuacións de segundo grao, son quen de explicar a fórmula para o cálculo do volume dun recipiente, e saberían axudar ao seu fillo coas cuestións sobre o libro The Gulliver?s travels? Que interesada é esta afirmación, e que falsa. O problema para lles axudar aos nenos e ás nenas coas matemáticas non está nas palabras, está nas cifras e en todos eses símbolos que representan operacións matemáticas que para a maioría de nós xa non significan nada.
 Ese non é o motivo. O motivo é o prestixio. Como imos aspirar a enviar a mensaxe de que a nosa lingua é tan útil coma o inglés ou o español á hora de abordar as prestixiosas ciencias matemáticas, físicas, químicas ou tecnolóxicas? Estamos borrachos de coca-cola para pretender que temos futuro e podemos andar as rúas do mundo dicindo ángulo, triángulo, trapecio, tanxente, vértice, coseno, expoente, grao, decímetro, polinomio, hipótese, matriz, álxebra... pois bótase de ver que estes termos científicos non só están afastadísimos lingüisticamente dos doutras linguas, resultando irrecoñecíbeis.

Os responsábeis do retroceso na normalización do noso idioma din que a abordaxe do galego non pode circunscribirse ao ámbito educativo e daquela a TVG vai ser a ferramenta central para a difusión do idioma.

Mentira. Non adoptaron nin unha soa medida dirixida ao incremento da presenza do noso idioma nos medios de comunicación ou no ámbito do lecer. Así sucede que en actividades dirixidas a mocidade e dependentes da Administración autonómica, hoxe a nosa lingua non conta coa potenciación que se puido conseguir nos anos precedentes, comprobándose un retroceso evidente na consideración do idioma
Por outro lado, e respecto da TVG, non é necesario repetir aquí as denuncias reiteradas pola desaparición de programas relacionados coa nosa cultura e a nosa lingua (sería que "Ben falado" era un programa de contido subversivo e inadecuado?), ou porque a pouca programación cultural que podería contribuír a incentivar a valoración positiva da nosa cultura e do noso idioma foi desprazada a horarios invisíbeis (en todas as acepcións do termo) e nin sequera se dedica en exclusiva á nosa cultura.
E que dicir do horario da programación infantil, ou da inexistente programación xuvenil. É coa deficientísima programación para a mocidade como van contribuír ao incremento de uso do noso idioma?

Os responsábeis do retroceso na normalización do noso idioma din que o alumnado ten uns certos dereitos.

Efectivamente. A Declaración universal dos dereitos lingüísticos establece, no seu artigo 3, como dereitos persoais inalienábeis, exercíbeis en calquera situación, os seguintes: o dereito ao uso da lingua en privado e en público ou o dereito a relacionarse e asociarse con outros membros da comunidade lingüística de orixe. No apartado 2 do mesmo artigo dise que a Declaración considera dereitos colectivos dos grupos lingüísticos: o dereito ao ensino da propia lingua e cultura; o dereito a unha presenza equitativa da lingua e a cultura nos medios de comunicación; o dereito a ser atendidos na súa lingua nos organismos oficiais e as relacións socioeconómicas. Mais como comentamos ao falar do afastamento comprobábel da Lei de Normalización, estes dereitos universais non se van cumprir para o alumnado galego, que se verá así discriminado respecto do alumnado doutros territorios.

Que fixo o alumnado galego para que o seu goberno non lle garanta estes dereitos?

O timo dos purificadores de auga

Educación - sex, 03/19/2010 - 00:52

Hoxe vai un off-topic, pois non vou falar de tecnoloxía, senón de química. O post saíume un pouco longo, pero non quería deixar fóra detalles.

Isto vén a conto da visita á miña casa dun comercial dunha empresa de purificadores de auga, que se ofreceu a analizar a auga de consumo da miña vivenda e facer una demostración da súa pureza. Nunca recibo vendedores a domicilio, pero neste caso tiña curiosidade polo que ían contar xa que soábame que había un timo por alí agochado.

Recoñezo que a química téñoa bastante esquecida, pero non o suficiente para darme de conta do fraude da demostración. Isto foi o que pasou:

A preparación

Despois da presentación, o comercial pediunos 4 vasos de auga.

1 – Auga da traída.
A auga da traída vén clorada para desinfectala e evitar a proliferación de microorganismos patóxenos. Este cloro atópase na auga en forma iónica Cl- ou combinado con outros elementos, sobre todo hipocloritos ClO-.

2 – Auga purificada
Tratou a auga da billa mediante un trebello de osmose inversa que levaba nunha maleta, similar ao da imaxe:
osmosis_trebello.jpg

A osmose inversa é un proceso físico que consiste en facer pasar auga a través dunha membrana semipermeable dende unha solución máis concentrada a unha menos concentrada mediante a aplicación de presión. As sales en disolución quedan retidas na membrana.
osmosis.jpg

3- Auga fervida
Ao ferver a auga da traída, a auga pura evapórase e aumenta a concentración de sales en disolución.

4- Auga mineral
Contén moitas sales en disolución, como poden ser sales de sodio, magnesio, calcio, etc.. Podédelo ver no etiquetado das botellas.

Unha vez colocados os vasos enriba da mesa comezou a festa.

Cloro canceríxeno?

O primeiro que soltou foi que o cloro da auga é tóxico, provoca cancro e infinidade de enfermidades. A intención non é outra que asustar á xente sobre o consumo de auga da traída.

sal.jpgVaia! Entón ollo con botarlle sal á comida. O sal común é cloruro de sodio, NaCl, que ao disolverse na auga sepárase nos ións Cl- e Na+. Como pode dicir que o cloro canceríxeno?

O que si é tóxico é o gas cloro Cl2, pero non é precisamente gas cloro o que atopamos na auga que temos na casa.

En referencia ao cloro da auga, non está demostrado cientificamente que os compostos derivados provoquen cancro, anque algúns xornais publicasen artigos sensacionalistas dicindo que si. O que si está demostrado é a súa eficacia na desinfección da auga, e hai que ter en conta que as augas urbanas están sometidas a estritos controis de calidade periódicos.

Eses horribles electrólitos

Despois de poñer ao cloro coma un veleno que debíamos evitar a toda costa se non queríamos morrer de cancro dixo que ía determinar a cantidade que levaba cada un dos vasos que había enriba da mesa.

conductivimetro.jpgO primeiro que fixo foi utilizar un condutivímetro.

Como o seu nome indica, mide a condutividade da disolución, e determina así a concentración de electrólitos que contén en ppm (partes por millón)
Os electrólitos son ións, que ao ser partículas cargadas responden cando aplicamos unha diferencia de potencial. Canto maior sexa a concentración de sales maior condutividade terá a auga.
Esta sales poden ser Na+, Cl-, Ca++, ClO-, etc.

Despois de facer a proba comprobouse que a maior concentración de electrólitos tíñaa a auga mineral, logo a fervida, logo a da billa, e a purificada practicamente non tiña.

Claro que o comercial non o explicaba así, senón que aprovéitanse de que non todo o mundo sabe o que é un electrólito e daba a entender que o que estábamos medindo era a concentración de substancias perigosas e contaminantes da auga. Vamos, que todas as augas teñen unha concentración elevadísima de algo horrible excepto a purificada co seu aparello.

O cloro pégase á comida!

ortotolidina.jpgPara demostrar doutro xeito a concentración de cloro na auga fixo un novo experimento. Botou unhas gotas de ortotolidina en cada un dos vasos. A ortotolidina reacciona co cloro disolto e tinxe de amarelo a disolución. Canto maior sexa a concentración de cloro máis escura resulta.

Hai que ter valor para dicir que o cloro é canceríxeno e que logo utilice ortotolidina para a demostración, composto que está catalogado como probable canceríxeno humano pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Centro Internacional de Investigacións contra o Cancro (CIIC). De feito xa está retirado o seu uso nos test de cloro das piscinas.

Evidentemente a auga tratada por osmose inversa quedou completamente transparente.

O seguinte foi dicir que o cloro pégase á comida e estámolo consumindo, nun ton que vía a dicir algo así como que esta substancia horrible, canceríxena e tóxica é absorbida pola comida.

Para facer a demostración pediunos unha mandarina, partiuna pola metade e meteuna nun vaso. Ao cabo dun tempo desaparecía a cor amarela da auga, e a conclusión foi que “o cloro pégase aos alimentos e estádelo consumindo!”

aceitunas.jpgVaia, pois iso é o mesmo que cando metemos unhas anchoas en sal. O cloruro sódico é absorbido por elas. O mesmo ocorre con esas olivas que comemos, que non viñan salgadas da oliveira. As sales absórbense polas células dos organismos, pero iso non ten por que ser prexudicial. Pero claro, se non pensamos niso e nos deixamos sorprender polo experimento da desaparición do ton amarelo caemos na trampa.

Toda esa porcallada que leva a auga que bebemos.

electrolisis.pngO último experimento foi unha electrólise en cada un dos vasos de auga

A electrólise é unha reacción química que se produce aplicando a electricidade.

Necesítase unha disolución con contido en electrólitos (sales disoltas, como Cl-, Na+) para que funcione como medio condutor eléctrico. Aplícase corrente continua mediante uns electrodos (ánodo e cátodo) de xeito que os ións son atraidos por cada electrodo segundo a súa carga.
Nos electrodos prodúcese unha transferencia de electróns entre os elementos que forman o electrodo e os ións, producíndose novas substancias.

Non estou segura da composición do electrodos do aparello que utilizou, pero parecéronme de aceiro e aluminio. Tampouco sei cal é exactamente a reacción química que se produciu (e se alguén a sabe agradézolle que mo diga), pero ao facer a electrólise en cada un dos vasos obtívose o resultado dun precipitado noxento en cada un deles, excepto no da auga purificada, xa que ao eliminarlle os electrólitos non produce a reacción.
Supoño que se trata dun precipitado de ferro.

vasos.png
(imaxe collida de aquí)

A mensaxe do comercial era que todo ese precipitado que estabamos a ver eran substancias que se atopaban na auga que consumimos, era a porcallada que leva agochada e que non se ve, e que grazas ao seu experimento sacabámola á luz.

De novo aprovéitanse do descoñecemento da xente, pois non todo o mundo sabe o que é unha electrólise e que nesa reacción prodúcense novas substancias, e fan crer que todo iso atopábase na auga.

O final

O comercial xa se dera de conta que na miña casa non ía vender nada, e deixou sen explicarnos cousas que tiña preparadas. A intención era a de vender un purificador de auga de nada menos que 2.500 €.

Están indo polas casas e pisos de moitas cidades de Galicia, e aprovéitanse da xente maior sen estudos e preocupada pola súa saúde para facerlle crer que a auga da traída, a do pozo ou a auga mineral embotellada son malísimas. Non é que o aparello que venden sexa malo (o prezo si), pero dende logo que os métodos que empregan para convencer á xente son un auténtico timo.

Síntome na obriga, polo tanto, de avisar destes feitos para evitar na medida do posible que máis xente sexa vítima deste fraude. E tamén destacar a importancia de que a ciencia e a tecnoloxía formen parte da cultura da poboación. A incultura científica e tecnolóxica fainos vulnerables ante aos fraudes, timos, crenzas e lendas urbanas.

Se che gustou a anotación podes votala en bitacoras.com

Podes deixar un comentario en: O timo dos purificadores de auga

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

Educación - qui, 03/18/2010 - 09:24

O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, unha data que serve para lembrar a importancia da Palabra poética, e para espallala. A directora xeral da UNESCO, Irina Bukova, é clara na súa declaración:

«A diversidade poética bríndanos outro xeito de dialogar. Permítenos descubrir que todos e cada un de nós, en calquera punto da Terra, compartimos os mesmos interrogantes e sentimentos. É unha faceta da nosa liberdade, é a nosa humanidade. Por iso a poesía debe ocupar o lugar que lle corresponde nos programas de educación de calidade. Mediante o acceso á poética do mundo enteiro, os mozos poden dispoñer dun instrumento máis, diferente, sutil e fluído, para mellorar o seu coñecemento e comprensión dos demais. O descubrimento dun novo poema constitúe un acto de inmersión na lingua, pero tamén na emoción e na sensibilidade do outro, por moi distante que se atope en termos xeográficos.»

As bibliotecas escolares galegas contribúen a esta cuestión a través das súas propostas, que poden coñecerse visitando os seus blogues (Primaria - Secundaria). A modo de exemplo, algunhas destas actividades:

ler máis

A tecnoloxía en galego

Educación - ter, 03/16/2010 - 18:09

A propósito do borrador do proxecto de decreto do galego no ensino
decreto_galego.png

Permítanme unha pregunta. Cales son os criterios pedagóxicos e científicos nos que se basea esta decisión?
Témome que non hai.

Se che gustou a anotación podes votala en bitacoras.com

Podes deixar un comentario en: A tecnoloxía en galego

Maletas viaxeiras: Lectura, Banda deseñada, Poesía

Educación - ter, 03/16/2010 - 11:00

A Asesoría de bibliotecas escolares pon a disposición dos centros unhas maletas viaxeiras co fin de achegar, ao profesorado que as solicite, uns materiais que sirvan para reforzar e apoiar as súas propias iniciativas de formación no ámbito do fomento da lectura, e outras actividades destinadas ao alumnado. As maletas están a dispoñibles nos Centros de Formación e Recursos do Profesorado, e poderán solicitarse, en préstamo, a través da persoa asesora en materia de bibliotecas escolares.

ler máis

Bibliotecas escolares, espazos de aprendizaxe

Educación - seg, 03/15/2010 - 11:06

Cada día, todos os días do curso, as bibliotecas escolares ofrecen recursos e oportunidades para a aprendizaxe: aprendizaxe guiada e, de forma paulatina, aprendizaxe autónoma. Velaquí dous exemplos de distintos niveis educativos: No CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña), as rapazas e rapaces dos distintos ciclos andiveron a investigar sobre as mulleres científicas e, logo de recoller información en distintas fontes, prepararon unhas "conferencias" para os seus compañeiros e compañeiras. Pódemos coñecer esta actividade no blog da biblioteca: HIPATIA (6º B) - MARIE CURIE (5º B) - MARY ANNING (3º A) - SALLY RIDE (3º B) - ENHEDUANNA ( 2º)

ler máis

A única permanencia certa

Educación - dom, 03/14/2010 - 17:42

Por segunda vez,  por sorpresa e con clara intención provocadora, a Consellaría de Educación presenta as Bases  do que haberá de ser un Decreto que regule a presenza (ou será mellor dicir, a non-presenza) do galego no sistema educativo non universitario. Un texto que, agora si, xa contenta a Galicia Bilingüe mais que non recolle ningunha das recomendacións que desde as mais diversas instancias (sindicatos, profesorado, universidades, traballadores da normalización, Real Academia Galega,  Consello da Cultura etc) foron trasladadas á Consellaría e que, basicamente,  confluían na necesidade de desenvolver o Plan Xeral de Normalización da lingua galega aprobado por unanimidade do Parlamento galego hai seis anos, por ser un documento de consenso e por non termos alcanzado aínda ningún dos obxectivos previstos nin desenvoltas as medidas alí propostas.
Face a esta demanda, compartida por millares de persoas que nos manifestamos na rúa en outubro, en decembro, en xaneiro, en marzo, o Goberno Galego responde cun texto que retrocede na protección legal do galego dúas décadas atrás, coa agravante de introducir fórmulas de participación de pais e nais na planificación escolar non previstas no ordenamento xurídico vixente. Concretamente, a posibilidade de que pais e nais elixan a lingua de ensino foi en máis dunha ocasión negada por sentenzas de Tribunal Constitucional.
Que interese ten logo o goberno galego en atribuír a pais e nais uns dereitos que sabe non recoñece a Constitución Española? Porque o Tribunal Constitucional nega que os pais e as nais teñan dereito a escoller a lingua do ensino e iso sábeo, ou debería sabelo, o Sr. Feijoo. E se o sabe, vai asinar un Decreto que non se axusta á Lei?
Como sabe tamén, pois para iso se rodeou de expertos en planificación lingüística,  o negativo que resulta para a lingua minorizada, en contextos diglósicos como o galego, proxectar a idea de que esta lingua supón un perigo para a lingua maiorizada. O Partido Popular nunca acreditou na Normalización lingüística e sempre procurou desculpas para pór en marcha os cativísimos procesos de normalización cos que hoxe contamos: que se se inventaban normas de escrita, que se a xente non falaba así, que se todo cambiaba dun día para outro, inestabilidade morfolóxica, sintáctica, un caos.
Cando en 2003 foi posíbel un acordo en materia de norma, o PP viuse obrigado a variar a súa táctica e a impulsar a elaboración dun Plano de Normalización Lingüística, que viu a luz en 2004, mais non tiña intención de o pór en marcha, como agora se demostra, pois quen hoxe é presidente era daquela vicepresidente.
Recuperado o Goberno por parte do PP en marzo de 2009, encóntrase cun Decreto que desenvolve o previsto no Plan Xeral e que apenas conta cun ano de vixencia cando o PP elabora o seu programa electoral. Desaparecido o debate normativo, o PP non ten máis opción que deseñar unha nova estratexia dirixida a crear confronto social e desprestixio para a lingua e os seus usuarios, que pasan a ser intransixentes, inquisidores, déspotas que procuran a desaparición do español da face da Galiza. Pouco importa que iso non sexa certo. A mentira forma xa parte dos procesos de confronto ideolóxico.  Ben saben os planificadores lingüísticos da Consellaría que para unha lingua minorizada o máis negativo  é ser o alvo constante de desconfianza, quer sobre as súas capacidades comunicativas (non servir) quer sobre a súa capacidade de cohesión social. E iso é o que fai o Sr. Feijoo, ou o Sr Vázquez, pois saben  que creando un ambiente social de ampla desconfianza contra o galego será mais fácil eliminar a xa ben cativa lexislación que o protexe. Mais hai aínda outra cuestión pola que ao Sr. Feijoo lle interesa manter esta situación de permanente confronto en torno á lingua, e é que,  ao tempo que consegue o obxectivo de eliminar pouco a pouco o galego deste país, consegue que ninguén lembre que, das 376 páxinas de propostas do programa electoral do PP, só cumpra unha delas. Crear confrontación en torno á lingua permite que esquezamos todas as demais promesas electorais. Magnífico!! Elimina o noso principal sinal de identidade e ao mesmo tempo ninguén repara na incapacidade do Goberno para levar a cabo ningunha medida de interese para Galiza.

O Sr. Feijoo, o Sr. Vázquez, o Sr Lorenzo, quizá participen, por razón de cargo institucional, nalgún acto de conmemoración do Día da Letras. Estaría ben que lembrasen estas palabras de Novoneyra:

En fin, que a lingua é a nosa unión anque nos creamos soios, é a nosa única pervivencia anque nos creamos mortais, por algo os pobos defenden a súa identidade na forma da súa lingua, por algo non envellece o sentimento de nación. E no carro da historia, no que ás veces todo se derrumba en pouco tempo, hai unhos imperios máis fortes, máis poderosos, e as ideoloxías máis estendidas e razonables, ó cabo, desengañados de todo, os homes sempre se quedan ca súa nación, co seu pasado profundo, pra non perderse dafeito  e sentir a única permanencia certa.”   
 A lingua é a única permanencia certa e nela contaremos o fracaso dos seus plans.

Hora de ler e de escoitar

Educación - sex, 03/12/2010 - 12:03

 

A Fundación Germán Sánchez Ruiperez vén de publicar un recurso para a selección de materiais para a colección das bibliotecas escolares: La música en la literatura infantil y juvenil.

Completando estos recursos: Música galega, unha selección realizada pola biblioteca do CEP Xosé Mª Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A coruña) e unha guía de lectura sobre música do IES Río Cabe (Monforte, Lugo)

Democracia para Galiza

Educación - qui, 03/11/2010 - 00:00

Aquí temos a proba do algodón do consenso lingüístico tan predicado e magreado até a saciedade polo PP: A Mesa do Parlamento, órgano no que o PP ostenta a maioría, mais tamén co apoio “gratuíto” do representante do PSOE nesa instancia, vén de lle impedir á Plataforma Queremos Galego a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular presentada formalmente pola Comisión Promotora designada para ese fin, prohibindo, daquela, a recollida regrada de sinaturas (mínimo de 15.000) para o posterior debate parlamentar.

Por suposto, non se trata dun problema técnico-xurídico o que fundamenta a decisión negativa da Mesa do Parlamento. Iso é só unha coartada, un pretexto estúpido. Moi pola contra, é unha decisión política ben meditada do PP, adoptada de xeito consciente e deliberado, instrumentalizando de maneira bochornosa e vergoñenta o Parlamento ao servizo exclusivo dun proxecto político aberta e desacomplexadamente españolista, incompatíbel co mínimo respecto ás regras de xogo democráticas e, evidentemente, coa mera existencia da lingua galega.

Para quen tivese a máis mínima dúbida, este episodio escandaloso, auténtica bomba de reloxaría contra o corazón da democracia (limitada e controlada) que “desfrutamos”, só vén certificar que democracia e defensa da lingua galega son dous conceptos intimamente xunguidos. Así, o combate á democracia debilita non só os dereitos civís e políticos, como neste caso: tamén os lingüísticos. E á inversa, o reforzo da democracia e dos dereitos democráticos consolida a lingua e os dereitos lingüísticos. Porque son de verificación imposíbel os uns sen os outros. Porque en Galiza non haberá democracia merecente de tal nome mentres o noso idioma se discrimine e a nación non se normalice políticamente.

Repárese na burla e no desprezo que alcanza unha decisión política de tal magnitude, que reviste unha extrema gravidade pola forma, mais fundamentalmente polo fondo, tendo en conta contra quen vai dirixida. E é que a Plataforma Queremos Galego, quéirase ou non, é a expresión organizada da vontade libre dunha parte moi importante (e desalienada) do pobo galego, conformada por máis de 600 entidades, organizacións e colectivos sociais de todo tipo, que ten protagonizado as mobilizacións máis importantes e masivas de toda a historia da nación na defensa do noso idioma. Tanto lles ten. Ou se cadra, é precisamente por iso.

Mais tanta soberbia non pode ficar impune. Non van poder evitar que a Plataforma Queremos Galego, por vía legal, ou se cómpre, pola para-legal, sexa quen de levar adiante a súa campaña social de recollida de sinaturas, que culmine na presentación e defensa no Parlamento de Galiza da Proposición de Lei sobre o uso do galego polas administracións de Galiza e no ámbito do ensino. Pois usaremos outros métodos. Por unha vía ou pola outra, nin o PP, nin a maioría da Mesa do Parlamento, nin Alberte Núñez Feixóo, nin ninguén, o van impedir. Que se vaian decatando. A este pobo, cando se pon en pé, non o cala ninguén.

Divulgar conteúdo