Ciencia
Matriz de formación bruta de capital fixo 2005
O mércores 24, na Domus, conferencia sobre a investigación científica do Patrimonio Cultural
A calidade da auga do mar poderá ser medida en tempo real
Isto é posible grazas ao proxecto Zigsea, desenvolto pola empresa Statdata Telecom en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia, a empresa Marine Instruments e o Grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións da Universidade da Coruña.
O obxectivo do proxecto era crear unhas radioboias capaces de avaliar a calidade da auga do mar que levasen implantada a teconoloxía adecuada para transmitir os valores captados a través de radiocomunicacións en tempo real, a un centro de recolida de datos. Estas boias tecnolóxicas poderán aportar toda a información que necesite unha determinada empresa naútica como pode ser a temperatura da auga, salinidade, PH ou toxinas.
Nestes momentos, tras probas realizadas nos portos de Celeiro e Ares, o proxecto está en fase de avaliación e información a posibles interesados.
Fonte: Innova Galicia (21/03/2010).
O grupo de polímeros da UDC traballa sobre a creación de plásticos máis lixeiros
O grupo de investigación de polímeros da UDC, ubicado no campus de Ferrol de dita universidade; está a traballar activamente no campo do procesado de materiais termoplásticos.
Nesta liña de investigación atópase o macroproxecto Light Carbon Cars, que pretende reducir o impacto medioambiental dos automóbiles diminuíndo o seu peso ó substituir pezas de metal por unhas elaborados con materiais plásticos. O grupo participa no proxecto a través do estudo da reciclaxe desas pezas.
María José Abad, membro deste equipo multidisciplinar; comenta que o seu traballo céntrase no ecodeseño, é dicir, a planificación das pezas cunha visión de reutilización futura.
Fonte: Galicia Hoxe (23/03/10)
A USC e Adega realizarán medicións de Radón en Galicia
Por encargo do Centro de Seguridade Nuclear (CSN) a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e os membros da asociación ecoloxista Adega comezarán a instalar detectores nos dormitorios de 563 vivendas repartidas polas catro provincias galegas. Os detectores recolleránse o vindeiro outubro.
O profesor de Medicina Preventiva da USC e director do Laboratorio de Radón de Galicia, Xoán Miguel Barros, coordinará a instalación dos detectores en Galicia, así como tamén en León, Asturias, Zamora, Salamanca, Cáceres e Sevilla.
Os resultados serán incluídos nun estudo que analizará as concentracións deste gas radiactivo de orixe natural en toda España.
Fonte: La Voz de Galicia (23/03/2010).
Avance na investigación sobre a cría de polbos en cautividade
Un grupo de investigadores da USC, dirixidos polo profesor Manuel Rey Méndez, está a traballar activamente e de forma conxunta nun proxecto nacional sobre o engorde do polbo en cautividade.
Esta investigación acaba de sacar á luz datos novidosos e moi interesantes sobre a reprodución de dito animal, entre eles que é posible unha fertilización conxunta de diferentes machos na mesma femia; o que é de vital importancia e debe ter sido en conta nos estudos de xenética de poboacións e de conservación da especie, así como no deseño e xestión da acuicultura do polbo común.
Actualmente o polbo aínda non se pode criar en cautividade, pero estes avances están asfaltando o camiño para que nun futuro sexa unha realidade.
Fonte: Galicia Hoxe (23/03/10)
Cancelada a conferencia do luns 22 na Domus
A Casa das Ciencias é un edificio libre de radón
O Aquarium Finisterrae presenta «As visións do bacallau»
O crecemento dos pinos condicionado por insectos e fungos
Este é un dos principais resultados que obtivo a investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo (UVI) Montserrat Pestaña tralo desenvolvemento da súa tese doutoral Interacciones tróficas entre insectos y hongos en Pinus pinaster Ait.
A investigación, dirixida por Serena Santolamazza, parte do coñecemento de que os insectos e os fungos inflúen no crecemento, reprodución e supervivencia das prantas, para analizar algunhas das interaccións ecolóxicas que se establecen nas poboacións de Pinus Pinaster Ait.
A tese está dividida en dúas partes. Na primeira, Pestaña ocúpase do impacto da defoliación sobre a comunidade de fungos micorrícicos. Na segunda parte da tese abarca as interaccións que se establecen entre insectos xilófagos e fungos patóxenos, para concluir que a asociación de insectos xilófagos e fungos patóxenos favorece aos primeiros a superar as defensas das prantas, conseguindo así crecer máis rapidamente e condicionando o desenvolvemento dos pinos cos que conviven.
Fonte: SINC (17/03/2010).
A Universidade de Vigo responsable europea do proxecto GEOCID
O proxecto, coordinado polo profesor e investigador da Universidade de Vigo (UVI) Fernando Aguado, constitúe a aportación da Axencia Espacial Europea (ESA) ao programa Humsat aprobado pola ONU para crear unha constelación de nanosatélites en cooperación con países en vías de desenvolvemento.
Á parte da UVI, participan no proxecto a Universidade de Capoly (California, EEUU) con Jordi Puig á cabeza, a Universidade Nacional Autónoma de Méjico (UNAM) e o CREACTEALC (Regional Centre for Space Science and Technology Education for Latin America and the Caribbean), dirixido por Sergio Camacho.
O proxecto fomentará o desenvolvemento de tecnoloxías aeroespaciais en países en vías de desenvolvemento e a monitorización e creación dunha rede de sensores terrestres que se comunican vía satélite para control de cambio climático con cobertura global. A rede estará integrada por 18 nanosatélites, formando unha constelación que orbitará sobre o planeta a unha distancia duns 500-600 kilómetros.
A coordinación deste proxecto supón para a UVI unha consolidación como referencia no campo dos nanosatélites, sendo esta universidade a primeira española en ter este papel a nivel europeo.
Fonte: SINC (17/03/2010).
Científicos galegos demostran a paternidade múltiple dos polbos
Un equipo de investigadores do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado polo profesor Manuel Rey Méndez, acaba de constatar que a paternidade múltiple é unha práctica común nos octópodos.
Estes transfiren o seu esperma ás femias a través da lígula (órgano sexual da especie), que se atopa no seu terceiro brazo dereito. Este órgano está dotado dunha especie de culler coa que o polbo seguinte en iniciar o apareamento limpa os espermatozoides deixados polo seu predecesor. Sen embargo, este desaloxo non é tan efectivo como se pensaba e sempre queda parte do material xenético de cada pai. Segundo expón Rey Méndez, como mínimo dous machos teñen éxito na fertilización dos ovos procedentes dunha mesma posta, pero ata sete machos teñen aportado o seu seme.
O descubrimento pode ter unha aplicación práctica, xa que se pode utilizar para mellorar a explotación deste cefalópodo en cautividade.
Fonte: La Voz de Galicia (16/03/2010)
Unha catedrática da USC, a primeira filóloga española en publicar en “Hermes”
Eva Castro Caridad, catedrática de Filoloxía Latina na Universidade de Santiago de Compostela e directora do departamento de Latín e Grego nesta universidade, acaba de publicar un estudo na prestixiosa revista alemana Hermes. Zeitschrift für Klassische Philologie.
Castro Caridad descubriu unha serie de peculiaridades no Libro V da Eneida que outras teorías consideraban como erros na composición poética e que convirten este texto na columna vertebral de toda a obra. Segundo explica a investigadora, estas peculiaridades son rasgos poéticos que dan coherencia aos doce libros da obra.
A investigación enmarcase nun proxecto do Ministerio de Cultura no que tamén colaboraron outros tres filólogos da USC e se realizou a partir das copias manuscritas do texto de Virxilio, que se conservaban en España na Universidade de Valencia.
Fonte: La Voz de Galicia (15/03/2010).
A relación entre a paisaxe e a biodiversidade, no ciclo «Os luns con ciencia»
Aparecen na serra do Courel os restos humanos máis antigos de Galicia
Os restos atopados correspóndense con trozos de cráneo e das extremidades dun ser humano que viviu hai 10.000 anos aproximadamente. Tamén se descubriron os primeiros osos de uro, antigo touro europeo Bos taurus primigenius, antecesor da vaca doméstica. A antigüidade dos fósiles dos uros estímase nuns 8.000 anos aproximadamente.
O descubrimento foi efectuado por un equipo de investigadores do Instituto Xeolóxico Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña que está a estudar o pasado remoto de Galicia. Entre os integrantes do grupo está a paleontóloga Aurora Grandal.
A análise destes restos poderá proporcionar datos de gran interese sobre os primeiros grupos humanos que ocuparon a serra trala última glaciación, dos que apenas se sabe nada.
Fonte: La Voz de Galicia (12/03/2010).
Conferencia "CSI Atapuerca", o xoves 11 de marzo na Domus
O grupo de Proxectos e Estudos do Patrimonio Cultural da USC colabora coa proposta da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
O grupo de Proxectos e Estudos sobre Patrimonio Cultural e Estudios sobre Patrimonio Cultural da USC, coordinado polo decano da Facultade de Xeografía e Historia, o profesor Juan Manuel Monterroso Montero, está colaborando coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade a través do estudo dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e de Santa María de Montederramo, dos que destaca o seu valor potencial no sector turístico e no desenvolvemento da comarca da Ribeira Sacra.
Fonte: La Voz de Galicia (09/03/2010)
Un grupo da UVI está a desenvolver un mecanismo biométrico para adaptar a publicidade ó cliente que teña diante
O grupo de Procesado Multimedia da Universidade de Vigo, no que consta como un dos seus responsables o profesor José Luis Alba Castro, está traballando conxuntamente xunto co centro Gradiant e a empresa santiaguesa On Touch para desenvolver pantallas táctiles, escaparates interactivos ou anuncios en centros comerciais que rexistran hacia onde se dirixe a mirada dos clientes potenciais para así cambiar a súa mensaxe ou os produtos en función da idade e do sexo.
Co obxectivo de lograr o maior impacto coa mínima inversión, o grupo traballa intensamente na creación de novos inxenios biométricos, algo, según eles, que empeza a demandar a sociedade.
Ademais deste exemplo, o grupo traballa tamén con Gradiant na creación dunha tarxeta con chip que permita ás persoas acreditadas atravesar puntos de control levándoa no peto sen ter que mostrala, un produto orientado o mercado da seguridade.
O equipo de Procesado Multimedia ten no seu haber varios premios no eido da biometría.
Fonte: Faro de Vigo (07/03/2010)
Entrevista a María José Alonso
Con motivo do Día da Muller Traballadora, o xornal La Voz de Galicia realizou unha serie de entrevistas a mulleres galegas influentes en diferentes eidos e entre elas atópase María José Alonso, vicerreitora de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica.
Nesta entrevista a investigadora fai reflexións sobre o papel da muller no mundo da ciencia e da investigación, destacando feitos como que, aínda que a maioría dos estudantes universitarios son mulleres, ó final son moi poucas as que deciden quedar traballando neste ámbito, xa sexa por unha cuestión de educación, que Alonso considera todavía sexista, ou de mobilidade, algo imprescindible na carreira científica e que non moitas mulleres aceptan.
A piques de rematar no seu posto de vicerreitora, o que lle permitirá voltar ó mundo da investigación por completo, esta científica está desenvolvendo un proxecto relacionado coa elaboración dunha vacina contra a hepatite B que sería inoculada vía nasal.
Fonte: La Voz de Galicia (08/03/2010)